A Biblioteca Municipal de Sarria traslada a lectura ás piscinas co regreso da Bibliopiscina

A Biblioteca Municipal de Sarria volverá este verán ás Piscinas Públicas Municipais coa iniciativa "Bibliopiscina", impulsada polo Concello de Sarria a través da Concellería de Cultura. O obxectivo desta proposta é achegar os servizos bibliotecarios á cidadanía durante a época estival e promover a lectura tamén nos espazos de lecer.
A actividade desenvolverase os días 15 e 22 de xullo e 5 e 19 de agosto, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Durante esas xornadas, as persoas usuarias poderán consultar e levar en préstamo libros para público infantil e adulto, acceder á prensa diaria, participar en xogos e coñecer outros servizos que ofrece habitualmente a Biblioteca Municipal.
O concelleiro de Cultura, César No, explicou que a intención é levar a biblioteca máis aló das súas instalacións habituais e achegala aos lugares onde se concentra a veciñanza durante o verán.
"Queremos sacar a biblioteca das súas catro paredes e levala aos espazos onde está a xente. A Bibliopiscina é unha forma de demostrar que a lectura tamén forma parte do lecer e do verán", afirmou.
O edil tamén incidiu en que esta iniciativa pretende fomentar o interese pola lectura entre a infancia e a mocidade, aproveitando un dos espazos con maior afluencia durante os meses estivais.
"Queremos achegar a biblioteca aos máis novos, fomentar o hábito lector desde idades temperás e que descubran que a biblioteca é un lugar vivo, aberto e pensado para todas as idades", sinalou César No.