A Cruz do Incio descobre a linguaxe das campás cun obradoiro durante a Feira de Ano

A Feira de Ano da Cruz do Incio contará este sábado 22 de agosto cunha proposta destinada a descubrir unha parte singular do patrimonio cultural e sonoro. A igrexa parroquial acollerá un obradoiro dedicado ás campás e aos diferentes códigos empregados tradicionalmente para transmitir mensaxes á comunidade.
A actividade comezará ás 15.30 horas e permitirá aos participantes achegarse á denominada "linguaxe das campás", prestando especial atención ao papel que estes instrumentos desempeñaron durante séculos tanto na comunicación civil como na relixiosa.
Os distintos toques permitían anunciar acontecementos e transmitir información á veciñanza, convertendo os campanarios nun importante sistema de comunicación antes da chegada dos medios actuais. O encontro servirá para coñecer esta tradición e comprender as diferenzas entre os sons e ritmos empregados en función da mensaxe que se quería comunicar.
O obradoiro terá ademais unha vertente práctica. Un campaneiro experto será o encargado de realizar unha demostración empregando o campanario da propia igrexa parroquial da Cruz do Incio, o que permitirá comprobar directamente como se executan os diferentes toques.
A iniciativa intégrase na programación da Feira de Ano e busca contribuír á divulgación e conservación dunha tradición estreitamente vinculada á vida das parroquias e á memoria colectiva do rural.
A proposta conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e forma parte das actividades impulsadas para poñer en valor costumes e coñecementos tradicionais que forman parte do patrimonio inmaterial.