A Deputación apoia ao Banco de Alimentos no reparto de 30.000 ducias de ovos a 850 familias da provincia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Miguel Fernández visitou este martes a sede loxística da entidade no polígono do Ceao e entregoulles o convenio polo que a institución provincial achega 10.000 euros ao proxecto Merca Ovos
proxecto-merca-ovos-provincia
14 Jul 2026

O deputado Miguel Fernández visitou este martes a sede loxística que ten o Banco de Alimentos no polígono do Ceao e fíxolle entrega á súa presidenta, Amadora Núñez, do convenio de colaboración subscrito entre a súa entidade e a Deputación de Lugo. O acordo supón unha achega de 10.000 euros da institución provincial ao proxecto Merca de Ovos, que distribúe cada ano preto de 30.000 ducias de ovos entre arredor de 850 familias da provincia.

Merca Ovos é unha iniciativa do Banco de Alimentos que apoia economicamente a Deputación e que permite asegurar a distribución dun alimento básico, nutritivo e de gran demanda especialmente na alimentación infantil, pero que é fresco e perecedoiro, polo que apenas chega a través das doazóns. A Granxa Campomayor, afincada en Palas de Rei, subministra este produto ao Banco de Alimentos, cos que complementan os seus lotes.

“O Banco de Alimentos realiza un traballo imprescindible para que centos de familias poidan cubrir unha necesidade tan básica como é a alimentación. Desde a Deputación queremos seguir ao lado das entidades que chegan onde máis se lles necesita e que desenvolven un labor social exemplar”, destacou Miguel Fernández. Puxo en valor as tres décadas de existencia desta entidade, sostida polo traballo do voluntariado.

Na actualidade, segundo os datos do Banco de Alimentos, a entidade incorpora cada semana entre 60 e 85 novas unidades familiares, conta cunha media de 25 persoas voluntarias ao día, cifra que se eleva ata as 300 nas grandes campañas de recollida. Ademais de recibir e clasificar alimentos procedentes das diferentes doazóns, abastece gratuitamente ás familias derivadas polos servizos sociais municipais.

Fernández remarcou que “con este convenio, desde a Deputación reafirmamos o noso compromiso coas políticas de apoio ás persoas máis vulnerables e co fortalecemento de entidades sociais que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía”.

0.11217379570007