A Deputación aproba as axudas a clubs e asociacións culturais por valor de 1.26 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A listaxe de beneficiarias publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia
BNG-Deputacion-Pleno-2026
11 Jul 2026

A Xunta de Goberno aprobou este venres as resolucións provisionais das axudas de concorrencia competitiva para asociacións culturais e para clubs deportivos convocadas pola Vicepresidencia da Deputación, dúas liñas de axuda cun importe conxunto de 1,26 M€ que se distribuirán entre o tecido cultural e deportivo de toda a provincia.

A resolución da convocatoria dirixida a asociacións culturais contempla 554 axudas concedidas, 318 para a organización de actividades cultural e 236 para melloras nas instalacións e no equipamento de locais.

O incremento da dotación da convocatoria, á que este ano se destinaron 600.000 euros
-100.000 máis que o ano pasado-, traduciuse nun incremento das entidades beneficiarias -concédense medio cento de axudas máis que en 2025 –. Ademais, incrementouse a contía mínima das axudas, que se sitúan entre os 800 e os 2.500 euros, dacordo cos criterios establecidos nas bases.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou “o traballo realizado polo servizo de Cultura para adiantar a resolución desta convocatoria, que tivo como todos os anos unha ampla demanda e que mostra o dinamismo do tecido cultural en todo a provincia”.

No tocante á convocatoria da área de Deportes, a resolución provisional contempla 242 axudas para clubs e entidades deportivas, con importes entre os 500 e os 6.000 euros. Esta liña de achegas que se incrementou progresivamente nos últimos anos conta esta anualidade cun orzamento conxunto de 660.000 euros.

As resolucións das convocatorias publicaranse ao longo da vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia, coa listaxe de entidades beneficiarias e prazo de alegacións.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao convenio para a renovación do céspede do campo de fútbol de Becerreá. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará 220.000 euros ao Concello, titular da instalación, para licitar e executar a reposición do céspede no que adestran e compiten os equipos da SD Becerreá.

0.12640714645386