A Deputación cederá A Casona ao Concello do Incio e achegará 250.000 euros para a súa rehabilitación

A Deputación de Lugo prevé aprobar no pleno do próximo martes a cesión da Casona ao Concello do Incio, dando así un novo paso para recuperar un inmoble emblemático situado fronte á Casa Consistorial e poñer fin a unha cuestión que permanecía pendente desde hai anos.
A transferencia do edificio responde á petición realizada polo alcalde á presidenta da institución provincial, Carmela López, e estará acompañada dun compromiso económico. A Deputación prevé realizar no futuro unha achega de 250.000 euros para colaborar na rehabilitación da Casona e facilitar que o Concello poida darlle un novo uso público.
"Non queremos que a Casona continúe sendo unha discusión sobre o pasado, queremos que sexa unha oportunidade para o futuro do Incio", sinalou López, reiterando a postura que xa trasladara durante unha visita realizada ao municipio este verán.
A institución provincial estudou o anteproxecto existente para recuperar o edificio antes de decidir atender a petición municipal. "Dixemos que estabamos abertos a resolver un problema que levaba anos enriba da mesa e, tras estudar o anteproxecto que hai para poñer este edificio ao servizo da cidadanía, decidimos atender a solicitude do Concello", explicou a presidenta.
O obxectivo pasa por rehabilitar o inmoble e acondicionar a súa contorna para crear un espazo público destinado ao lecer e ao deporte, concibido como unha prolongación da Praza da Cruz. Deste xeito, preténdese integrar a Casona na vida diaria da localidade e recuperar para uso veciñal un dos edificios máis representativos do Incio.
O inmoble chegou a mans da Deputación hai aproximadamente dúas décadas mediante un proceso de expropiación. Desde entón, a administración provincial acometeu diferentes actuacións destinadas fundamentalmente a garantir a seguridade e evitar o seu deterioro.
Entre estas intervencións figuraron o apuntalamento da fachada provincial e a retirada de elementos da cuberta que presentaban risco de desprendemento sobre a vía pública.
A cesión prevista supón agora un cambio de etapa para o edificio. Se recibe o visto e prace do pleno provincial, será o Concello do Incio o que poida avanzar na recuperación da Casona, contando ademais co compromiso dunha futura colaboración económica de 250.000 euros por parte da Deputación.
No mesmo pleno, a institución provincial prevé aprobar tamén a cesión ao Concello de Pantón dunha parcela situada na contorna do pequeno club fluvial de Maiorga, igualmente a petición da administración municipal.