A Deputación estuda ceder a Casona do Incio ao Concello para desbloquear a súa recuperación

SarriaXa
Carmela López avanzou que a institución analizará a proposta municipal para dar un uso público ao inmoble e superar unha situación enquistada desde hai dúas décadas
casona-do-Incio-Deputación-de-Lugo
11 Aug 2026

A recuperación da Casona da Cruz do Incio podería dar un paso decisivo tras a visita realizada pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, ao municipio.

Durante unha reunión de traballo co alcalde, Héctor Corujo, e coa corporación municipal, a responsable provincial avanzou que a institución está disposta a estudar a cesión do inmoble ao Concello como vía para desbloquear unha situación que se prolonga desde hai máis de dúas décadas.

Segundo trasladou a presidenta provincial, a Deputación analizará a proposta presentada polo Concello a través dos seus servizos técnicos e xurídicos para determinar a fórmula máis axeitada. Carmela López asegurou que a institución está aberta a buscar unha solución que permita recuperar o edificio e poñelo ao servizo da veciñanza. “Se a cesión é a fórmula que permite recuperala, darlle un uso público e garantir que ese patrimonio estea ao servizo da cidadanía, estudaremos esa vía con toda a disposición”, sinalou.

A Casona da Cruz, situada fronte á Casa do Concello, pasou a formar parte do patrimonio provincial tras a integración dos bens de SUPLUSA na Deputación. O Concello solicitou formalmente tanto a cesión do inmoble como unha achega económica de 250.000 euros para contribuír á súa rehabilitación.

Neste sentido, Héctor Corujo explicou que a presidenta provincial lle trasladou tamén a intención de manter esa achega comprometida de 250.000 euros para a recuperación do edificio. O rexedor valorou moi positivamente este avance, ao considerar que permitirá impulsar un proxecto moi demandado pola veciñanza e recuperar un inmoble emblemático para convertelo nun espazo público.

O alcalde lembrou ademais que o presidente da Xunta de Galicia manifestou recentemente a disposición do Goberno galego a colaborar na rehabilitación da Casona na mesma contía que a achegada pola Deputación, o que permitiría incrementar os recursos dispoñibles para acometer a actuación.

Nos últimos anos, a Deputación realizou diferentes intervencións para garantir a seguridade do inmoble, entre elas o apuntalamento da fachada principal e a retirada de elementos da cuberta que presentaban risco para a vía pública. Agora, ambas administracións traballan para atopar unha solución definitiva que permita recuperar o edificio e dotalo dun novo uso para a cidadanía.

Durante a visita, Carmela López e Héctor Corujo tamén abordaron outras actuacións impulsadas pola institución provincial no municipio. A presidenta supervisou as obras de pavimentación dos accesos ao núcleo de Viladecais, financiadas a través do Plan Deputación 2025 cun investimento superior aos 179.000 euros, e repasou as actuacións previstas na rede viaria provincial, entre elas melloras nas estradas LU-P-2503 e LU-P-1306.

0.1129891872406