A Deputación de Lugo impulsa MencIA, unha estratexia pioneira de intelixencia artificial para modernizar a administración pública

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O plan 2026-2030 aposta pola soberanía tecnolóxica, o código aberto e a mellora dos servizos públicos con especial atención aos municipios máis pequenos
Presentación-MENCIA-Deputación-de-Lugo
20 May 2026

A Deputación de Lugo vén de presentar MencIA: unha estratexia propia de intelixencia artificial da Deputación de Lugo para os vindeiros anos (2026- 2030).

“O xa está aquí. A intelixencia artificial vai transformar a maneira de traballar das institucións, e nós tiñamos claro que a Deputación de Lugo non podía quedar esperando a ver que facían os demais”, sostivo a presidenta da entidade provincial, Carmela López, nun acto no que estivo acompañada do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e os xefes do servizo de Comunicación e TIC’s e de Innovación e Participación Cidadá, Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero, ademais de numerosos traballadores e traballadoras da institución, alcaldes e alcaldesas dos diferentes concellos e outros responsables políticos.

MencIA nace “da idea de que a innovación tecnolóxica tamén ten que servir para reforzar os servizos públicos e para acompañar aos concellos máis pequenos nun proceso que, moitas veces, sería imposible afrontar en solitario”.

Nese sentido, Carmela López especificou que a provincia de Lugo conta con 67 concellos, 66 deles están por debaixo dos 20.000 habitantes; “o que significa que falar aquí de intelixencia artificial é falar tamén de cohesión territorial e de igualdade de oportunidades”.

Por iso, o obxectivo é conseguir que a transformación dixital non agrande a distancia entre territorios, senón que a reduza. “Lograrémolo a través dun modelo propio, feito pola Deputación, baseado en código aberto e pensado para servir mellor aos nosos veciños e veciñas. Un modelo no que a supervisión humana segue sendo fundamental, no que os datos permanecen baixo control institucional e no que a transparencia forma parte do propio deseño da estratexia”. Así, López sostén que “tiñamos que prepararnos, pero facéndoo ao noso xeito: desde o público, con garantías, con control sobre os datos e pensando na realidade concreta desta provincia”.

Por outra banda, desde a Deputación de Lugo faise unha aposta clara pola defensa da nosa lingua e iso tamén se ve reflexado nesta nova iniciativa. Tal e como subliñou a presidenta, “o uso do galego era algo irrenunciable, porque a nosa lingua ten que estar tamén nos espazos onde se vai construír o futuro”. Nese sentido, a presidenta avanzou que o próximo martes, 26 de maio, o Goberno da Deputación elevará ao Pleno da Deputación esta proposta para aprobar oficialmente MencIA como estratexia de Intelixencia Artificial da Deputación de Lugo para os vindeiros anos (2026- 2030).

MENCIA, TECNICAMENTE

O deputado Pablo Rivera Capón e os técnicos Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero explicaron que MencIA se fundamenta na idea de soberanía tecnolóxica realista, “de tal maneira que os datos sensibles non abandonen os servidores da institución”. Así, lévase a cabo unha estratexia estruturada en catro piares: gobernanza e cumprimento, que fixa os principios reitores, os órganos de goberno e os mecanismos de control normativo; transformación dixital interna, que ten o seu núcleo no Laboratorio MencIA e na transformación da eficiencia dos servizos provinciais; IA ao servizo dos municipios, que materializa a competencia de asistencia aos concellos; e ecosistema territorial e innovación, que articula a colaboración co tecido institucional, universitario e empresarial galego.

MencIA será ademais posible a través de dous eixos operativos, un interno, que será o propio Laboratorio MencIA e un eixo territorial conformado polo Centro de innovación Territorial (CIT) da provincia de Lugo.

Laboratorio MencIA é a infraestrutura tecnolóxica propia da Deputación para o desenvolvemento e despregamento de sistemas de IA de código aberto; e articúlase en tres compoñentes: Un motor, a infraestrutura tecnolóxica que executa os modelos de IA; unhas mans, as aplicacións e asistentes que permiten interactuar co sistema; e un cerebro, o sistema que conecta todos os elementos para que funcionen de maneira coordinada.  Aplicacións e asistentes ao servizo do persoal

Laboratorio MencIA contará ademais con diferentes aplicacións que permitirán, nun máximo de tres interaccións, realizar tarefas mecánicas e complexas en moito menos tempo, facilitando o labor dos traballadores e traballadoras, para que poidan dedicarse a aquelas cuestións de alto valor.

Entre algunhas das aplicacións está un resumidor de documentos, un extractor de texto, transcritor de audio, un monitor de edictos do BOE, un xestor intelixente do correo electrónico, un almacén de instrucións, unha calculadora de prazos da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, ou un analizador de convocatorias de axudas e subvencións.

Contará tamén cos chamados asistentes, ‘chatbots’ especializados cos que o usuario interacta mediante conversación natural, que serán adestrados con instrucións de sistema específico e unha base de coñecemento pechada: non accede a Internet nin a información fóra do seu ámbito asignado.

Desta maneira, púxose como exemplo a un profesor de IA; outro para elaborar memorias xustificativas en contratos; outro de contratación pública en entidades locais; un asesor en función pública; un centro de atención a usuarios; un asistente de documentación e formación operativa; un creador de ‘prompts’ para axudar aos usuarios para escribir instrucións claras e detalladas para outras ferramentas de IA; un arquitecto de asistentes personalizados; e un asistente analítico con procura web. Un horizonte de catro anos

Con todo, MencIA terá un horizonte de implantación de catro anos, que comezará coa posta en produción das oito aplicacións e nove asistentes e a aprobación da estratexia no Pleno. No segundo semestre do 2026 e comezos do 2027 está prevista a constitución do Comité de Gobernanza e os primeiros pilotos. Está previsto que o despregamento interno completo se produza entre o 2027 e o 2028; e de cara ao final dos catro anos este novo ecosistema estea consolidado.

0.12159585952759