A Deputación reforza con 10.000 euros as Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria

A Deputación de Lugo aprobou un acordo de colaboración co Concello de Sarria para reforzar con 10.000 euros as Xornadas Xurídicas Román García Varela, unha cita que se celebra na Casa da Cultura deste municipio e que conclúe hoxe coa participación de destacadas figuras do ámbito xurídico e institucional.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que a institución provincial duplica a achega económica destinada a este evento no marco do seu compromiso cunhas xornadas que se teñen consolidado como un espazo de referencia para a análise, o debate e a reflexión sobre cuestións de actualidade xurídica.
Rivera subliñou ademais que esta iniciativa contribúe á difusión do coñecemento, fomenta o intercambio de experiencias entre profesionais e axuda a proxectar o nome de Sarria e da provincia de Lugo como puntos de encontro para o ámbito xurídico e académico.