A Escola Municipal de Música de Sarria abre as súas portas para dar a coñecer a súa oferta formativa

SarriaXa
As xornadas permitirán probar instrumentos de balde e achegar a música ás crianzas entre o 1 e o 5 de xuño
Escola-de-musica-Sarria
1 Jun 2026

A Escola Municipal de Música de Sarria celebrará entre os días 1 e 5 de xuño unhas Xornadas de Portas Abertas co obxectivo de dar a coñecer a súa oferta educativa e achegar o mundo da música ás familias e ás persoas interesadas en iniciar a súa formación musical.

A iniciativa permitirá aos participantes coñecer de primeira man as actividades que desenvolve o centro e experimentar de forma gratuíta con diferentes instrumentos, facilitando que os máis pequenos poidan descubrir as distintas especialidades antes de formalizar a súa matrícula para o próximo curso.

O programa inclúe sesións dirixidas ás idades máis temperás. Así, as actividades de Música e Movemento para nenos e nenas de 4 anos celebraranse o luns e o martes entre as 17:00 e as 18:00 horas. Pola súa parte, a Educación Musical Temperá para crianzas de 3 anos desenvolverase o mércores no mesmo horario, mentres que a actividade de Música e Movemento para o alumnado de 5 anos terá lugar o xoves de 17:00 a 18:00 horas.

As xornadas ofrecerán tamén probas gratuítas de instrumentos para que os asistentes poidan descubrir as características de cada especialidade. Entre as opcións dispoñibles figuran percusión, guitarra, piano, instrumentos de vento metal, acordeón, instrumentos de música tradicional, así como frauta, clarinete e saxofón.

Estas sesións prácticas desenvolveranse entre as 18:00 e as 19:00 horas, segundo a programación establecida para cada especialidade.

Desde a organización destacan que esta iniciativa constitúe unha oportunidade para que as familias coñezan o funcionamento da Escola Municipal de Música e para que os futuros alumnos e alumnas poidan escoller o instrumento que mellor se adapte aos seus intereses e inquietudes artísticas.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico biblioteca@sarria.gal.

0.11181497573853