A Feira de Produtos Artesáns de Samos reúne artesanía, gastronomía e tradición na súa 26 edición

Samos celebrou este domigno unha nova edición da súa Feira de Produtos Artesáns, unha cita que alcanzou os 26 anos de traxectoria reunindo no Campo da Feira propostas vinculadas á artesanía, á gastronomía e á cultura tradicional. O evento, organizado pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, contou un ano máis co apoio da Deputación de Lugo.
Ao longo da xornada, veciñanza e visitantes puideron percorrer numerosos postos con produtos artesanais e gastronómicos. A programación incluíu tamén demostracións de antigos oficios e obradoiros nos que os profesionais amosaron ao público diferentes técnicas e procesos de elaboración.
A música tradicional e as actuacións folclóricas contribuíron a completar o ambiente festivo dunha feira que busca preservar os saberes populares e, ao mesmo tempo, servir de escaparate para o traballo dos artesáns e produtores.
Entre os actos destacados desta edición estivo o pregón inaugural, pronunciado polo escritor e xornalista Valentín Carrera González, que tomou o relevo do catedrático Antonio Rigueiro. A organización escolleu a Carrera pola súa vinculación con Samos a través das súas investigacións arredor de frei Rosendo Salvado, misioneiro e explorador nacido no mosteiro samanense e coñecido especialmente polo labor que desenvolveu en Australia.
A programación reservou tamén un espazo específico para o público infantil. A ANPA do CEIP Samos organizou ás 18.00 horas no Campo da Festa o obradoiro Os Diferentosos, dirixido principalmente a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos.
A proposta combinou contacontos, xogos e manualidades para fomentar a imaxinación e a creatividade dos participantes, ademais de traballar valores como a diversidade, o respecto e o traballo en equipo.
O deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, participou na feira e acompañou aos organizadores durante unha xornada coa que Samos volveu poñer en valor os oficios tradicionais, a produción artesanal e o seu patrimonio cultural e etnográfico.