A Festa da Malla volverá recrear en Láncara os traballos tradicionais da colleita do trigo

A parroquia de Láncara acollerá o vindeiro domingo 9 de agosto unha nova edición da Festa da Malla, unha cita promovida pola Asociación Cultural Val de Láncara que busca conservar e divulgar as tradicións ligadas ao mundo rural e aos traballos agrícolas de antigamente.
O acto central da xornada será a representación en directo da malla tradicional, unha tarefa que permitía separar o gran de trigo da palla e que durante décadas se realizou de maneira habitual nas casas e explotacións agrícolas. A través desta recreación, a organización pretende achegar ás novas xeracións e aos visitantes unha das labores máis características da vida no rural galego.
A programación arrancará ás 11.00 horas coa celebración da propia Festa da Malla. Ao longo da mañá tamén haberá postos de venda, exposicións de artesanía, maquinaria e vehículos tradicionais, ademais de diferentes actividades de animación para o público asistente.
Ás 12.30 horas terá lugar a actuación musical do grupo Nubeiro, que amenizará a xornada antes da comida popular prevista para as 14.30 horas xunto ao río. O menú estará composto por sardiñas con tomate, empanada, churrasco mixto e criollo, ademais de sobremesa, bebida e café.
As actividades continuarán pola tarde. Ás 16.30 horas desenvolverase o obradoiro infantil "Constrúe o teu monicreque", unha proposta dirixida aos máis pequenos que se celebrará tamén na contorna do río.
Posteriormente, ás 18.30 horas, a programación cultural pecharase coa representación de "Pituquito Literario", un espectáculo da compañía Trécola Producións que se levará a cabo igualmente xunto ao río.
Desde a Asociación Cultural Val de Láncara animan á veciñanza e aos visitantes a participar nesta cita, que combina patrimonio etnográfico, gastronomía, música, teatro e convivencia para manter viva a memoria das tradicións agrícolas da comarca.