A investigación da USC en Cova Eirós redefine a dieta de neandertais e humanos modernos en Galicia

Desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC) puxéronse en valor os resultados do traballo do investigador Hugo Bal García, que achega novos datos sobre as estratexias de subsistencia dos grupos de cazadores-recolectores que habitaron as Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior.
A investigación, centrada no emblemático xacemento de Cova Eirós, en Cancelo (Triacastela), permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados tanto por neandertais como por humanos anatomicamente modernos mediante a técnica ZooMS (Zooarchaeology by Mass Spectrometry).
Este método baséase na identificación de secuencias peptídicas do coláxeno conservado nos ósos, o que permite asignar categorías taxonómicas mesmo en restos moi fragmentados que non poden ser identificados mediante anatomía comparada, ferramenta fundamental na zooarqueoloxía e na paleontoloxía.
Publicado en acceso aberto na revista International Journal of Osteoarchaeology, o estudo analiza 114 restos faunísticos non identificados previamente mediante métodos tradicionais, comparándoos co estudo morfolóxico de máis de 8.000 restos do xacemento. Os resultados evidencian unha maior diversidade na dieta cárnica destes grupos prehistóricos da que se coñecía ata o momento.
A investigación tamén sinala que a alta intensidade no procesado de herbívoros xerou un sesgo na identificación dos seus restos, o que explica a abundancia de fragmentos óseos indeterminados fronte a outros animais como os osos cavernarios.
O traballo foi desenvolvido en colaboración con investigadoras e investigadores de distintas institucións, entre elas o CENIEH, a Universidade de Vigo, o IPHES, a Universidade de León, a Universidade de Oviedo e a Universidade Rovira i Virgili, ademais de equipos da propia USC e o CISPAC.
Esta investigación forma parte do proxecto “Dinámicas poblacionais y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientais del Noroeste Ibérico”, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e fondos FEDER, mentres que as escavacións en Cova Eirós contan co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.