A pallasa Lilina únese ao cartel do XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

O promotor do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, Roberto Lolo, presentou unha nova artista que formará parte da programación da XXI edición do certame, que terá lugar os días 20, 21, 22 e 23 de agosto. Trátase da pallasa Lilina, especialista en combinar maxia e clown nun espectáculo pensado para o público familiar.
Lolo destacou que unha das prioridades do festival é ofrecer propostas de gran calidade para o público infantil, convencido de que as primeiras experiencias coa maxia son determinantes para que os máis pequenos desenvolvan no futuro o gusto por esta disciplina artística.
O director do certame sinalou que, despois de vinte anos de traballo, segue atopando entre o público a mozos e mozas que descubriron a maxia sendo nenos e que continúan asistindo ao festival, o que considera unha recompensa ao esforzo realizado durante estas dúas décadas.
A aposta deste ano para o público familiar será Lilina, unha artista que leva vinte anos explorando a unión entre a maxia e o clown, convertendo os pequenos erros e situacións cómicas en momentos cheos de humor, ilusión e sorpresa.
Será a primeira vez que participe no Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, onde ofrecerá diferentes propostas artísticas destinadas tanto aos máis pequenos como ás súas familias.
Roberto Lolo tamén agradeceu publicamente a implicación da artista para poder participar nesta edición, asegurando que o esforzo realizado para estar presente no festival é un xesto que non esquecerá.