A Panadería Pallares será a pregoeira da Noite Meiga 2026 no seu 150 aniversario

A Asociación Cultural Meigas e Trasgos presentou oficialmente a persoa encargada de ofrecer o pregón da Noite Meiga 2026. Nesta edición, a responsabilidade recaerá na Panadería Pallares, coincidindo coa celebración do seu 150 aniversario, nunha elección coa que a entidade organizadora quere recoñecer a longa traxectoria dun dos establecementos máis emblemáticos de Sarria e a súa estreita relación coa vida social da vila.
Desde a asociación explican que esta designación constitúe unha homenaxe ao percorrido dunha empresa familiar que leva cinco xeracións mantendo vivo o oficio da panadaría e converténdose nun referente para varias xeracións de sarriáns.
"Cinco xeracións mantendo vivo o lume dos fornos nos que se preparan marabillas como as nosas Lumeiriñas. Este ano, ese mesmo lume que enche de aroma e sabor a toda unha vila, dará comezo á Noite Meiga", destacaron desde Meigas e Trasgos ao anunciar o nome do pregoeiro.
Con esta elección, a organización pon en valor a historia, o arraigamento e a contribución da Panadería Pallares á identidade de Sarria, nun ano especialmente simbólico para o establecemento ao cumprir século e medio de historia.