A paradelense Sonia Arias falará en Foz sobre as emocións tras a perda dun ser querido

SarriaXa
A escritora abrirá o ciclo de encontros médicos o 4 de novembro cunha intervención centrada na xestión emocional da perda e na aceptación
Sonia-Arias-escritora-Paradela
1 Nov 2026

A escritora de Paradela Sonia Arias López será a protagonista da primeira das tres charlas programadas polo Concello de Foz para o mes de novembro. A autora participará o mércores día 4 nun encontro titulado "As emocións e a aceptación tras a perda dun ser querido", que terá lugar na Casa da Cultura ás 20.00 horas.

A intervención permitirá abordar o impacto emocional que provoca a morte dunha persoa próxima e o proceso de aceptación da súa ausencia. Arias López é tamén a autora da curtametraxe "Mudanza", unha obra que obtivo varios recoñecementos en festivais internacionais de cine.

Entre os galardóns recibidos figuran o premio á mellor produción no 1st Monthy Film Festival de Grecia, o recoñecemento ao mellor curto drama nos Future of Film Awards de Macedonia e o premio á mellor temática social no CBF Festival Internacional de Cine de Vigo.

A charla de Sonia Arias abrirá un programa que continuará o martes 10 coa intervención de Maite Lanza Méndez, integrante da Unidade de Adiccións e Drogodependencia do Hospital Público da Mariña. Baixo o título "Novas adiccións e tratamentos", abordará os diferentes comportamentos adictivos e as posibilidades terapéuticas.

O ciclo concluirá o mércores 18 cunha sesión sobre as "Causas máis frecuentes da dor de costas e o seu tratamento", que impartirá Javier Antolín Suárez, traumatólogo do Hospital Público da Mariña.

As tres citas están organizadas polo Concello de Foz en colaboración co Servizo Galego de Saúde e celebraranse na Casa da Cultura ás 20.00 horas.

0.1546471118927