A parroquia de Saa reuniu decenas de veciños na súa VII Xuntanza Parroquial

A parroquia de Saa, no concello do Páramo, celebrou o pasado sábado 9 de maio de 2026 a súa VII Xuntanza Parroquial, unha cita que reuniu a numerosos veciños e familias nunha xornada marcada pola convivencia, a música e o bo ambiente.
Os actos comezaron ás 13.00 horas cunha misa polos difuntos da parroquia na igrexa, tras a que tivo lugar a actuación da Banda de Guntín puxeron a nota tradicional á sesión vermú, animando aos asistentes antes do xantar popular.
A comida, que se celebrou ás 15.00 horas, reuniu a 172 persoas. O menú estivo composto por empanada de liscos, pulpo á feira con cachelos, carne ao caldeiro, caña, tarta xeada, pan, bebidas, café con gotas e chupitos de licores.
A pulpería Susana e Javier encargouse do servizo gastronómico e, segundo destacaron os organizadores, “como sempre foron uns grandes profesionais”, deixando a todos os asistentes moi satisfeitos coa atención e coa calidade da comida servida.
A sobremesa tamén contou con sorpresas para os asistentes. Aos pequenos repartíronselles bolsas de lambetadas, mentres que todos os comensais recibiron distintos detalles preparados pola directiva da festa. Aos homes entregáronselles dúas botelliñas de licor acompañadas dun chopo de cristal con caramelos no interior. Pola súa banda, as mulleres recibiron unha bolsa coa botella e o chopo e unha rosa a cada muller.
Durante a tarde houbo tamén animación e diversión para os nenos, ademais da actuación musical de Luis Rey, que amenizou a xornada festiva.
Xa pola noite, a celebración continuou cunha cea popular na que participaron 111 persoas. O menú estivo composto por empanada de zamburiñas, croquetas, xamón cocido, larpeira, pan, bebidas e café. A festa rematou coa actuación de Ángel Habana, que puxo o broche final a unha intensa xornada de convivencia parroquial.