A Plataforma Diversa Infantil impulsa actividades educativas arredor da mostra ‘Tan coma ti’ de Down Lugo

A Plataforma Diversa Infantil da comarca de Sarria organiza actividades complementarias arredor da mostra fotográfica 'Tan coma ti', impulsada por Down Lugo e que se atopa exposta na Casa da Cultura da vila e no espazo O Garaxe.
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Área de Cultura do Concello de Sarria e Down Lugo, convida aos centros educativos e a outros colectivos da comarca a participar nesta exposición titulada “Tan coma ti: a realidade actual das persoas con Síndrome de Down”, coa finalidade de promover a inclusión, a sensibilización social e o coñecemento da realidade das persoas con Síndrome de Down.
Ata o 22 de xuño poderán concertarse visitas guiadas á mostra, que serán realizadas polos propios fotógrafos e fotógrafas e usuarios e usuarias de Down Lugo, ofrecendo así unha experiencia directa e participativa. Ademais, a organización pon a disposición dos centros unha actividade pedagóxica complementaria adaptada a todos os niveis educativos e tamén a diferentes necesidades específicas.
Para participar ou concertar as visitas, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico diversainfantil@gmail.com, no enderezo biblioteca@sarria.gal ou no teléfono 982 530 723. A proposta é de carácter gratuíto e busca facilitar o acceso á cultura e á educación inclusiva na comarca.