A Pobra de San Xiao celebrará a primeira Festa da Carballeira organizada polo Puebla Futsal

A Asociación Deportiva Puebla Futsal, coa colaboración do Concello de Láncara, organiza o vindeiro sábado 8 de agosto a primeira edición da Festa da Carballeira Puebla Futsal, unha xornada festiva pensada para reunir a veciñanza nun ambiente de convivencia, gastronomía e música na Carballeira do Campo da Feira da Pobra de San Xiao.
A programación dará comezo a partir das 13:00 horas cunha sesión vermú amenizada por JOY Music e TecAudio DJ José. Posteriormente, arredor das 14:30 horas, celebrarase un gran xantar popular ao aire libre, elaborado pola Pulpería María e Luis.
O menú estará composto por paella, churrasco mixto, criolo, pan, larpeira, auga, viño, gaseosa, refrescos, café e gotas. O prezo será de 25 euros para os maiores de 15 anos, 13 euros para os nenos de entre 6 e 14 anos, mentres que os menores de 5 anos poderán asistir de balde.
Durante a tarde haberá tamén sorteos de agasallos e xogos infantís, antes de dar paso, a partir das 17:30 horas, a un tardeo popular que volverá contar coa música de TecAudio DJ José e JOY Music, ademais de servizo de barra con prezos populares.
As tarxetas para asistir ao xantar poderán retirarse ata o xoves 6 de agosto no Café Bar Avenida.