A sarriá María Carretero inicia en Lanzarote a conmemoración do 30 aniversario da escultura ‘Homenaxe ao Peregrino’

GaliciaXa | SarriaXa
O acto celebrouse na histórica Sociedade Democracia de Arrecife e serviu para divulgar unha das obras máis emblemáticas de Sarria vinculadas ao Camiño de Santiago
María-Carretero-Lanzarote-Sarria
4 Aug 2026

A artista sarriá María Carretero deu comezo en Lanzarote aos actos de conmemoración do 30 aniversario da obra pública e urbana Homenaxe ao Peregrino, realizada entre os anos 1993 e 1996 en Sarria. O evento desenvolveuse o pasado 25 de xullo, coincidindo coa festividade de Santiago Apóstolo, e formou parte da clausura da exposición Astro-Pez, do artista e arquitecto Domingo de Famara.

A iniciativa contou co patrocinio e colaboración do Concello de Arrecife e da histórica Sociedade Democracia, fundada en 1850 e considerada unha das entidades culturais máis relevantes da illa. O edificio engalanouse para a ocasión con grandes bandeiras de Galicia, Canarias e España, simbolizando a unión de territorios a través do Camiño de Santiago.

Durante o acto exhibiuse unha selección de publicacións, documentos e materiais relacionados coa escultura situada en Sarria, así como dúas pezas orixinais inspiradas na figura do peregrino: o Peregrino Turista e o Peregrino do Amor. Estas creacións foron empregadas ao longo dos anos como galardóns e elementos representativos en conferencias e encontros celebrados en distintos países.

María Carretero foi a encargada de conducir a presentación, na que incluíu unha representación inspirada nunha peregrina que buscaba chegar a Sarria para iniciar desde alí o Camiño de Santiago. Ademais, proxectáronse audiovisuais sobre a obra Homenaxe ao Peregrino, que espertaron un notable interese entre os asistentes.

Ao encontro acudiron persoas de diversas nacionalidades, entre elas profesionais e especialistas de prestixio internacional, así como o arquitecto canario Antonio Padrón. A celebración completouse con interpretacións musicais, entre elas o Himno ao Apóstolo Santiago, e cunha degustación de produtos gourmet.

A actividade serviu para reivindicar o valor cultural e simbólico dunha das obras máis coñecidas de María Carretero, estreitamente ligada á identidade xacobea de Sarria e ao paso dos peregrinos polo municipio.

0.11237812042236