A subdelegada do Goberno en Lugo coordina en Sarria o dispositivo especial de seguridade para o San Xoán

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu en Sarria, xunto ao concelleiro de Seguridade Cidadá, Emerxencias, Mobilidade e Tráfico, Félix Seijas, a Xunta Local de Seguridade convocada co obxectivo de coordinar o dispositivo especial das Festas do San Xoán e dos eventos que se celebren durante o período estival.
Na xuntanza abordouse a situación da seguridade cidadá no municipio e analizouse o operativo previsto para garantir a seguridade durante San Xoán, no que participarán e estarán coordinados a Garda Civil, o subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
Olimpia López puxo en valor a cooperación entre administracións e o traballo conxunto das forzas e corpos de seguridade como elementos clave para garantir tanto a seguridade nos grandes eventos como a tranquilidade no día a día da cidadanía.