A Xunta e O Incio avanzan en proxectos de emprego, infraestruturas e dinamización rural

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse co alcalde do O Incio, Héctor Corujo, dentro do programa de visitas institucionais que está a desenvolver polos distintos concellos da provincia.
No encontro abordáronse algunhas das principais actuacións impulsadas grazas á colaboración entre a Administración autonómica e a local. Entre elas destaca a posta en marcha dun novo obradoiro dual de emprego destinado á formación de 20 persoas desempregadas dos municipios do Incio, Bóveda e A Pobra do Brollón. Esta iniciativa contará cun investimento de 454.500 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
No ámbito das infraestruturas tamén se destacou a cooperación entre ambas administracións para impulsar melloras de servizos en Trascastro e no núcleo rural de Eirexalba. O proxecto dispón dun orzamento de 100.000 euros procedentes da Consellería do Medio Rural, a través da convocatoria de axudas de 2026 destinada a reforzar servizos básicos locais que favorezan a dinamización económica e contribúan a fixar poboación nas zonas rurais.
Durante a xuntanza tamén se revisou a situación das principais liñas específicas de axudas municipais convocadas anualmente pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Neste sentido, lembraron que o pasado ano O Incio recibiu 35.000 euros da orde destinada á mellora de infraestruturas, fondos que se empregaron no acondicionamento dos camiños municipais da Veiga e A Cruz do Incio.
Por outra banda, Villares destacou que o Goberno galego financiará durante este verán no municipio o campo de voluntariado Territorio Sonoro, unha iniciativa de carácter artístico e cultural que desenvolverá actividades orientadas á promoción e valorización do patrimonio local. O programa está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
O delegado territorial reiterou ademais a vontade da Xunta de continuar fortalecendo a colaboración cos concellos lucenses co obxectivo de impulsar o desenvolvemento social e económico da provincia.