A Xunta resolve as axudas para os grupos de Protección Civil da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Con estas subvencións poden cubrir investimentos en equipamento, vestimenta, elementos de prevención e protección e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible
protección-civil-Guitiriz
24 Apr 2026

A Xunta resolveu a orde de axudas anual para colaborar cos gastos de funcionamento das Agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil (AVPC), que na provincia de Lugo beneficia a 33 entidades. As contías concedidas suman preto de 55.000 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, afirmou que estes apoios van destinados ás agrupacións dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou asociacións de municipios inscritas no Rexistro de AVPC.

Con estas subvencións poden cubrir investimentos en equipamento, vestimenta, elementos de prevención e protección e material informático e de comunicación, sempre que se trate de material funxible. Tamén son subvencionables os custos das actuacións que leven a cabo; da conservación, mantemento e alugamento da base e medios de intervencións; e da formación dos seus membros, así como o pagamento de seguros do persoal voluntario.

As entidades beneficiarias están distribuídas por toda a provincia. Así, na Mariña figuran as AVPC de Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro. Nas comarcas da Terra Chá e Meira, os apoios chegan a Vilalba, Xermade, Guitiriz, Riotorto, Ribeira de Piquín, Meira e Pol. Na Zona Sur, as achegas van destinadas ás AVPC de Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, O Saviñao e Taboada. Así mesmo, obteñen colaboración as de Triacastela, O Incio, Cervantes, Negueira de Muñiz, Palas de Rei e Portomarín.

Arias lembrou que estas axudas súmanse á liña de apoio específica para dotar aos grupos de Protección Civil do material de emerxencias necesario para os seus operativos (remolques, tendas de campaña, equipos de extinción, desfibriladores, kits de seguridade viaria, embarcacións pneumáticas, elementos para intervir no medio acuático, etc.). Ademais, a Xunta proporciona formación continua aos voluntarios nos cursos organizados pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

0.12345600128174