A XXIX Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro celébrase do 1 ao 3 de maio

Sarria acollerá do 1 ao 3 a XXIX edición da Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro, un evento que dá continuidade á tradición deste sector na localidade. A iniciativa está organizada pola Asociación de Anticuarios e Restauradores de Sarria, co apoio do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
A rúa do Porvir converterase no eixo principal da feira, onde se instalarán máis dunha vintena de postos dedicados ás antigüidades, á restauración e ao coleccionismo. Ademais, o evento contará cunha oferta complementaria que incluirá postos de repostería e confeitería artesanal, así como demostracións de artesanía e oficios tradicionais.
No marco da programación, a Xunta de Galicia, a través de Artesanía de Galicia, organizará dous obradoiros de cerámica abertos ao público tanto o sábado como o domingo, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 19:30 horas. As persoas asistentes poderán achegarse á técnica do torno cerámico guiadas polo artesán Carlos San Claudio, ou descubrir o proceso de elaboración de pezas de cerámica de mesa no taller impartido por Nerea Carpente.
A feira completarase cunha variada oferta gastronómica e actividades culturais complementarias, reforzando o seu carácter como cita de referencia para profesionais e afeccionados ao mundo das antigüidades e da artesanía.