A XXV Feira da Tenreira de Láncara acolléra a XV Festa dos Avós, os Cantos de Taberna e máis actividades

SarriaXa
A XXV Feira da Tenreira Galega terá lugar os vindeiros 30 de abril e 1 de maio con diversas actividades que se desenvolverán na Pobra do San Xiao.
Feira da Tenreira Láncara
4 Apr 2024

A XXV Feira da Tenreira Galega terá lugar os vindeiros 30 de abril e 1 de maio con diversas actividades que se desenvolverán na Pobra do San Xiao.

O 30 de abril celebrarase a XV Festa dos Avós no Campo da Feira, onde haberá unha actuación musical ás 13.00 horas, a intervención de autoridades quince minutos despois e unha comida para todos os que se acheguen na carpa instalada. Xa pola tarde haberá exhibicións das Escolas Deportivas Municipais no pavillón, así como se celebrarán uns Cantos de Taberna polos bares que percorrerán os bares da Pobra de San Xiao, enchendo de música o pobo e animando á veciñanza, que rematarán cunha foliada popular e degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema na praza dos Labradores.

Pola súa parte, o día 1 de maio comezará a festa ás 10.00 horas, e ás 12.00 chegarán as autoridades para, 15 minutos despois, abrir os postos e ofrecer unha degustación gratuíta de queixos artesáns e sidra ecolóxica do país. Xa ás 12.30 horas terá lugar a poxa de varias vacas xovencas e ás 12.45 farase un percorrido polo recinto feiral con visita ás instalacións do gando. Xa ás 13.00 horas terá lugar o pregón a cargo de Rosa Sierra e ás 13.30 horas celebrarase a sesión vermú co Punto Clave ata o xantar, ás 14.00 horas, no que se poderá desfrutar da Tenreira Galega Suprema.

Pola tarde, cara ás 17.00 horas terá lugar a exhibición ecuestre e ás 17.45 horas entregaranse os premios do concurso de gando vacún e sortearase unha becerra. O día e a Feira da Tenreira 2024 rematará coa actuación de Punto Clave, a partir das 18.30 horas, que amenizará o resto da xornada.

0.14648008346558