Abraham Cupeiro inicia a tempada 2026/2027 cunha ampla xira e un novo álbum que gravará nos Abbey Road Studios

A música de Abraham Cupeiro volverá percorrer medio mundo esta tempada. O intérprete e investigador sarriao inicia o curso 2026/2027 cun calendario que combina concertos, divulgación e novos proxectos discográficos, sempre coa recuperación de instrumentos doutras épocas como punto de partida para crear sons contemporáneos.
O primeiro tramo da axenda concentrarase en setembro. A estrea terá lugar o día 4 no Teatre d’Artà, en Mallorca, onde Cupeiro compartirá escenario coa Banda Municipal de Música de Palma para presentar Pangea. A proposta viaxa por distintas culturas e épocas a través de instrumentos como caracolas, hulusi, zurna ou gaitas tradicionais, nunha viaxe musical que pon en diálogo tradicións afastadas no tempo e no espazo.
A continuación chegará Resonando en el pasado, un espectáculo de formato máis reducido no que o músico combina interpretación, relato e divulgación para achegar ao público a historia dos instrumentos. Villanueva de la Serena, en Badaxoz, acollerá a primeira das dúas citas, o 25 de setembro, mentres que ao día seguinte a proposta chegará ao Cartuja Center de Sevilla.
O espectáculo permite descubrir pezas procedentes de diferentes civilizacións, desde a Grecia clásica e Roma ata a Idade Media e outras culturas de Oriente. O kárnix celta, o cornu romano, o shofar ou o duduk armenio son algúns dos instrumentos que forman parte dunha proposta na que a investigación histórica se mestura cunha linguaxe próxima e mesmo con doses de humor.
Despois de setembro, o calendario de Cupeiro continuará por diferentes puntos da xeografía española, con citas previstas en lugares como Valladolid, León, Lugo, Canarias, Valencia, Vigo, Xixón, Alacant, Barcelona, Pamplona ou Zaragoza.
Un novo disco con selo londiniense
Entre concerto e concerto, o músico afrontará un dos grandes proxectos da tempada. En novembro desprazarase a Londres para entrar nos Abbey Road Studios, un dos espazos máis recoñecibles da historia da gravación musical. Alí dará forma ao seu próximo álbum acompañado, novamente, pola Royal Philharmonic Orchestra.
O traballo, previsto para chegar ao público a comezos de 2027, supón un novo paso na investigación sonora que define a carreira de Cupeiro: rescatar instrumentos esquecidos ou pouco coñecidos e demostrar que poden dialogar con formacións e linguaxes musicais actuais.
A Coruña recupera Mythos
A programación terá outro dos seus momentos destacados o 29 de xaneiro de 2027, cando Abraham Cupeiro regrese ao Coliseum da Coruña acompañado pola Orquesta Sinfónica de Galicia.
Será o reencontro coa cidade despois de dous anos e chegará cunha versión ampliada de Mythos, espectáculo inspirado nas grandes tradicións mitolóxicas de Grecia, Roma, Persia, India e o mundo celta.
A montaxe incorporará material musical que non formou parte do disco orixinal e sumará unha proposta audiovisual especialmente deseñada para o recinto coruñés. A intención é levar a investigación musical de Cupeiro a unha dimensión escénica de gran formato, na que a música conviva con imaxes, iluminación e tecnoloxía.
Do patrimonio musical aos grandes escenarios
O percorrido de Abraham Cupeiro nos últimos anos demostra ata que punto o seu traballo transcende a recuperación arqueolóxica dos instrumentos. As súas colaboracións con orquestras como a London Symphony Orchestra, a BBC Scottish Symphony Orchestra, a Mahler Chamber Orchestra ou a propia Royal Philharmonic Orchestra levaron estas sonoridades a escenarios internacionais.
Tamén explorou o ámbito audiovisual e cinematográfico, con participacións en proxectos relacionados con nomes como Steven Spielberg, Hans Zimmer ou Harry Gregson-Williams, ademais da súa presenza na banda sonora de Gladiator II.
Nos últimos meses, o seu kárnix chegou incluso a escenarios deportivos de enorme repercusión. En abril foi o encargado de abrir o encontro da Europa League entre o Celta e o Friburgo e, semanas antes, participou no Le Crunch do Torneo das Seis Nacións no Stade de France.
Con este novo curso, Cupeiro volve situarse nun territorio propio no que a arqueoloxía musical, a creación contemporánea e a divulgación se dan a man. Unha viaxe que este ano terá, entre as súas estacións, Sevilla, A Coruña e Londres, pero que nace de instrumentos creados hai séculos.