Abraham Cupeiro recibe o Premio Joaquín Díaz 2026 na modalidade de Organoloxía

GaliciaXa | SarriaXa
O músico sarriao, coñecido pola recuperación de instrumentos antigos e pola súa participación na banda sonora de Gladiator II, comparte distinción con Rozalén, Vicent Torrent e Emilio Rey
Karnyx-Abraham-Cupeiro-Foto-de-Diego-Segade
Actualizada el 6 julio 2026, 04:56 horas
4 Jul 2026

O músico sarriao Abraham Cupeiro foi distinguido co Premio Joaquín Díaz 2026 na modalidade de Organoloxía, un novo recoñecemento que se suma á súa traxectoria profesional marcada pola recuperación, reconstrución e difusión de instrumentos musicais da antigüidade.

Cupeiro converteuse nun referente no ámbito da música histórica grazas ao seu traballo arredor de pezas tradicionais e instrumentos ancestrais, ademais do dominio de elementos tan singulares como o carnyx. Entre os proxectos máis destacados da súa carreira figura tamén a súa participación na banda sonora da película Gladiator II.

Xunto ao músico lucense tamén foron recoñecidos outros nomes destacados do panorama musical. Na categoría de Divulgación, o galardón foi para Rozalén (Albacete, 1986). A artista acadou o seu primeiro disco de ouro en 2014 e, sete anos despois, recibiu o Premios Goya á mellor canción orixinal por “Que no, que no”, tema composto para a película La boda de Rosa. Ese mesmo ano, en 2021, tamén obtivo o Premio Nacional de Músicas Actuais.

Na modalidade de Investigación, o Premio Joaquín Díaz 2026 recaeu no cantautor Vicent Torrent (Torrent, Valencia, 1945), mestre de formación, músico autodidacta e unha das figuras máis representativas da nova canción valenciana desde finais dos anos sesenta a través do grupo Al Tall. Aos seus 80 anos vén de publicar Totes les cançons, un volume recompilatorio que reúne preto dun cento de composicións creadas durante a súa etapa na formación e tamén antes e despois dela.

Pola súa banda, a categoría dedicada a Toda unha vida distinguiu ao músico e pedagogo Emilio Rey (Mave, Palencia, 1949), doutor en Historia e Ciencias da Música e catedrático de Folclore Musical no Real Conservatorio de Música de Madrid.

A entrega dos premios terá lugar o 17 de outubro, unha vez rematada a asemblea da Asociación de Amigos Joaquín Díaz, entidade convocante destes galardóns, que se celebrará en Urueña.

0.077019929885864