Abraham Cupeiro regresa aos estudos Abbey Road para gravar o seu novo disco coa Royal Philharmonic Orchestra

GaliciaXa | SarriaXa
O músico sarriao prepara 'Ánima', un álbum conceptual que verá a luz en 2027 e que terá a súa estrea absoluta o 16 de xaneiro no Palau de la Música Catalana
Abraham Cupeiro Abbey Road
11 Nov 2026

O músico sarriao Abraham Cupeiro regresou aos míticos estudios Abbey Road de Londres para gravar 'Ánima', o seu novo disco conceptual, xunto á Royal Philharmonic Orchestra e baixo a dirección de Dimas Ruiz-Santos. O álbum, que se publicará ao longo de 2027 a través do selo Loira Records, supón un novo capítulo na traxectoria do compositor e multiinstrumentista, que volve a un dos espazos máis emblemáticos da historia da música para dar forma ao seu próximo proxecto.

Esta nova gravación dá continuidade á colaboración de Cupeiro coa Royal Philharmonic Orchestra en Abbey Road, onde xa rexistrou os seus discos 'Pangea' e 'Mythos'. Unha relación artística que lle permitiu trasladar o seu universo sonoro, marcado pola recuperación de instrumentos antigos e a exploración das súas posibilidades expresivas, ao ámbito das grandes formacións sinfónicas.

O propio músico describiu o impacto de traballar nestes estudios cunha comparación contundente: "Entrei alí e foi como montarme nun avión supersónico". Con esta expresión evocou a intensidade e a velocidade dunha experiencia de gravación cun nivel técnico e artístico excepcional. A orixe desta colaboración remóntase a un encontro case fortuíto tras un concerto en Gran Canaria, cando o trombonista Mark Hampson lle suxeriu que a súa música encaixaría especialmente ben coas orquestras británicas.

Desde entón, Abbey Road converteuse nun punto de encontro entre a investigación sonora de Cupeiro e a tradición orquestral. Nos seus proxectos anteriores, o músico explorou como instrumentos ancestrais e extintos, como o karnyx ou o aulos, poden convivir coas sonoridades dunha orquestra sinfónica nun estudo vinculado a algunhas das gravacións máis influentes da música contemporánea. Unha procura que conecta cunha das súas reflexións habituais: "Todas as músicas teñen as súas raíces e parécense moito".

Tras a gravación en Abbey Road, 'Ánima' terá a súa estrea absoluta o sábado 16 de xaneiro no Palau de la Música Catalana, nunha presentación xunto á Orquestra Simfònica del Vallès. Esta primeira actuación permitirá descubrir en directo o novo universo conceptual do músico sarriao.

0.14976787567139