Antonio Barros e iAlma percorren o Camiño ata Triacastela a través da música

Triacastela converterase este sábado 26 de setembro nunha nova parada de 'O Camiño de Vieiras Amarelas', o proxecto cultural co que Antonio Barros e iAlma percorren diferentes puntos de Galicia combinando música, territorio, patrimonio e memoria. A actuación comezará ás 19.00 horas e estará integrada na programación da XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona.
A chegada do espectáculo a Triacastela adquire un significado especial pola estreita relación do municipio co Camiño de Santiago. A localidade constitúe unha das etapas históricas do Camiño Francés e esa idea de avanzar, descubrir lugares e compartir experiencias é precisamente un dos fíos condutores do proxecto musical.
'O Camiño de Vieiras Amarelas' propón así unha particular ruta por Galicia na que cada municipio representa unha nova etapa e cada concerto se transforma nun encontro coa súa xente, a súa cultura e o seu patrimonio.
O propio nome da iniciativa mestura dúas referencias vinculadas á idea da viaxe. Por unha banda está a vieira, un dos símbolos máis recoñecibles do Camiño de Santiago, e pola outra, o camiño de baldosas amarelas de 'O Mago de Oz'. Neste último, os protagonistas emprenden unha aventura na procura daquilo que cren necesitar para descubrir finalmente que boa parte das respostas xa estaban neles mesmos.
Antonio Barros e iAlma trasladan esa filosofía ao escenario mediante unha viaxe musical que percorre diferentes lugares de Galicia, pero que ao mesmo tempo convida o público a mirar cara ao interior a través das cancións, os recordos e as emocións.
O espectáculo aposta por un formato próximo e intimista, no que a voz e o piano funcionan como principais fíos condutores. A música galega e a memoria ocupan un lugar destacado nun repertorio que recupera cancións presentes no imaxinario colectivo para presentalas desde unha visión persoal e contemporánea.
"Triacastela é un lugar moi especial para este proxecto porque aquí o Camiño forma parte da propia vida da localidade. Poder compartir a nosa música dentro dunha feira que pon en valor a artesanía e os produtos da zona é unha maneira moi bonita de atoparnos coa xente e coa cultura galega", explica Antonio Barros.
A actuación sumarase deste xeito á oferta da XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela, unha xornada na que confluirán artesanía, produtos locais e diferentes propostas culturais. O concerto pretende reforzar ese carácter participativo establecendo un diálogo entre música, tradición e identidade.