Aprobadas as mocións levadas ao pleno municipal de Sarria por parte do BNG e do PP

SarriaXa
O pleno de outubro, que quedara pendente desde o pasado xoves, tamén debateu as deficiencias nas obras do campo de A Ribela
imaxe-do-salón-de-plenos-de-Sarria
Actualizada el 4 noviembre 2026, 08:49 horas
2 Nov 2026

O pleno ordinario de outubro de Sarria, iniciado o pasado xoves 29 e retomado este luns 2 de novembro, abordou as mocións presentadas polos grupos municipais do BNG e do PP, así como a petición do PSOE para realizar unha auditoría das obras de reforma do campo municipal de A Ribela.

A sesión comezara o xoves coa parte urxente da orde do día, nun xesto de respecto polo loito nacional de tres días decretado tras o accidente ferroviario de Urda. A continuación, o debate das mocións quedou aprazado ata este luns.

Entre os acordos aprobados figura a moción do BNG sobre vivenda, que contou tamén co apoio dos socialistas. A proposta reclama medidas como sacar a licitación os pisos de alugueiro social que quedaron sen adxudicar na Casa das Arsenias e ceder solo á Xunta e ao Goberno central para impulsar novas promocións de vivenda pública. Desde o PSOE apuntaron que Sarria reúne condicións para ser considerada zona tensionada.

Tamén saíron adiante as dúas mocións presentadas polo PP, co respaldo de todos os grupos. Unha delas pide impulsar un programa municipal de envellecemento activo, mentres que a outra propón planificar a ampliación das traídas de auga e ofrecer unha resposta rápida aos casos puntuais de escaseza.

Outro dos asuntos centrais foi a petición do PSOE para realizar unha auditoría das obras no campo municipal de A Ribela. O socialista Diego López denunciou a existencia de deficiencias e cuestionou que a actuación executada poida considerarse unha reforma integral, que sería, ao seu xuízo, a solución adecuada.

Desde o goberno local rebatéronse estas críticas asegurando que o terreo de xogo cumpre a normativa e reúne as condicións de seguridade. As obras, financiadas entre o Concello e a Xunta de Galicia, forman parte do acordo entre Camiña Sarria e o PP. Desde este último grupo sinalaron que, se existen deficiencias, deberán detectarse e corrixirse. Pola súa banda, o BNG lamentou que o Concello renunciase aos máis de 200.000 euros ofrecidos pola Deputación para renovar o céspede.

0.15325307846069