As tapas toman protagonismo en Samos cun concurso que reunirá cinco locais de hostalería

SarriaXa
O certame, que chega á súa décimo quinta edición, celebrarase os días 24 e 25 de outubro con propostas tradicionais e innovadoras
Tapas-Samos
3 Oct 2026

Cinco locais de hostalería de Samos competirán os días 24 e 25 de outubro por conquistar o padal do público nunha nova edición do concurso de tapas do municipio. A proposta permitirá degustar diferentes elaboracións e escoller as favoritas en dúas categorías: tradicional e innovadora.

Casa dos Gardas, A Veiga, Mesón Pontenova, Albaroque e Tras do Convento serán os establecementos participantes nesta edición. Cada un deles preparará dúas tapas diferentes para a ocasión, unha baseada na cociña tradicional e outra de carácter máis innovador, que estarán dispoñibles durante a fin de semana.

As persoas que se acheguen aos locais poderán votar pola súa tapa preferida en cada unha das categorías. Ademais de participar na elección das propostas gañadoras, os votos darán acceso ao sorteo de cinco ceas para dúas persoas, cortesía dos propios establecementos participantes.

A iniciativa está promovida pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, presidida por José Fernández, e alcanza este ano a súa décimo quinta edición. O concurso consolidouse como unha das citas gastronómicas con maior capacidade de convocatoria no municipio, cunha importante afluencia de público en cada edición.

Desde a organización animan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a participar nesta nova convocatoria e aproveitar a fin de semana para descubrir as diferentes propostas gastronómicas preparadas polos locais de Samos.

0.14925193786621