Carme López Fernández crea un recurso didáctico para achegar a música tradicional ao alumnado a través do Camiño de Santiago

A profesora axudante doutora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carme López Fernández, da Área de Didáctica da Expresión Musical da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, elaborou 'O Camiño de cantigas: música tradicional para instrumentación escolar', un recurso didáctico que busca achegar o patrimonio musical galego ás aulas a través do Camiño de Santiago.
O material reúne información sobre o repertorio tradicional galego, o seu contexto territorial e cultural e diferentes propostas para traballar estes contidos no ámbito educativo. A iniciativa articúlase arredor de dez arranxos musicais que percorren distintas localidades do Camiño Francés, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela, relacionando cada peza cos lugares nos que foi recollida e co patrimonio xacobeo.
O recurso é froito do proxecto de investigación 'Música tradicional ao longo do Camiño de Santiago: arranxos para instrumentación escolar', financiado pola IX Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, promovida pola Cátedra Institucional da USC sobre esta temática, froito da colaboración entre a universidade e Turismo de Galicia.
A investigación parte da escasa presenza da música tradicional galega nos estudos sobre o fenómeno xacobeo e da falta de materiais específicos para traballar este repertorio nas aulas. O obxectivo é favorecer a conservación e transmisión deste patrimonio ás novas xeracións mediante propostas que permitan combinar a práctica musical co coñecemento do territorio e da súa cultura.
Para desenvolver o proxecto, Carme López realizou unha investigación bibliográfica e fonográfica para localizar e seleccionar pezas tradicionais de localidades situadas ao longo do Camiño Francés. Posteriormente, analizou o repertorio e elaborou arranxos adaptados á instrumentación escolar, tomando como referencia principalmente os instrumentos Orff. As composicións presentan distintos graos de dificultade para facilitar o seu uso con alumnado de diferentes idades e niveis educativos.
O material está concibido principalmente para Educación Primaria e Secundaria, aínda que tamén pode adaptarse a outras etapas. A súa aplicación foi avaliada mediante dúas experiencias educativas nas que se empregaron grupos de discusión e diarios de aula para recoller información sobre a funcionalidade e a adecuación das propostas.
Os resultados amosaron unha valoración positiva, especialmente pola motivación que xera a práctica vocal e instrumental. As experiencias tamén permitiron comprobar que os arranxos son viables, presentan unha dificultade progresiva e poden adaptarse a diferentes contextos educativos. Ademais, a investigación evidenciou a escasa presenza da música tradicional nas experiencias escolares do alumnado e as posibilidades do Camiño de Santiago como eixo para desenvolver aprendizaxes musicais e interdisciplinares.
A difusión do recurso a través dunha plataforma web, xornadas, seminarios e actividades académicas pretende facilitar o seu acceso e utilización por parte do profesorado. A proposta ofrece así novas ferramentas para traballar o patrimonio cultural inmaterial desde a experiencia musical directa.
Unha investigadora vinculada á música de tradición oral
Carme López Fernández, natural do Incio, é intérprete, docente e investigadora especializada na música de tradición oral galega. Graduouse en Educación Primaria con mención en Música pola USC, conta co título superior de Interpretación na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia e é doutora pola Universidade da Coruña.
A súa traxectoria investigadora céntrase nas músicas de tradición oral e na súa relación coa etnomusicoloxía, a perspectiva de xénero e a educación. Como intérprete participou en directos e gravacións de grupos como Os Minhotos, Raiceira e SonDeSeu. Tamén publicou os álbums 'Quintela' (2024), recoñecido co Premio Martín Códax da Música Contemporánea ese mesmo ano, e 'Vinde todas' (2024), baixo o nome artístico de Carmela.