Carme López, intérprete e docente: “A música vai máis alá da música; está conectada con como vives”

SarriaXa
Falamos con Carme López Fernández, profesional da música tradicional galega e docente na Universidade de Santiago de Compostela, e que é do Incio
Carme-López-O-Incio
27 Out 2024

Por Jessica Fernández

De onde vén o seu amor pola música?

Cando somos pequenos normalmente os pais ofrécenlle posibilidades aos seus fillos para ocupar o tempo libre e eu sempre me inclinara cara a cuestións artísticas. Estiven en pintura e debuxo e despois fixera un ano de preparatorio na Escola Municipal de Sarria. Así, decanteime pola gaita sobre os 7-8 anos e ía unha vez a semana a Sarria, que non me queda lonxe porque eu vivo en Rubián de Cima, que está máis preto de Sarria que da Cruz do Incio. Así, empecei tocando a gaita en Sarria, na Asociación Cultural Peleriños, e despois tamén a cantar e tocar a pandeireta; e despois fixen os estudos en gaita en Vilalba.

Cóntenos desde o inicio ata o momento actual a súa traxectoria musical.

Pois empecei en Peleriños tocando a gaita e ía a clases, a actuacións, tocaba para os grupos de baile... Así, fun interesándome e adquirín habilidades e despois decidín facer grao profesional de conservatorio en Vilalba, compaxinando os meus estudos de 4º da ESO e logo en Bacharelato. Despois, seguín mentres estudaba Educación Primaria en Santiago e en Lugo. Finalmente, rematei en Vilalba o grao profesional e fixen o grao de acceso superior, que equivale a grao universitario, coa especialidade en instrumentos de tradición popular de Galicia en Vigo, á vez que rematei a carreira de primaria en Santiago. Unha vez rematado o grao, fixen un Máster en Investigación Musical e logo seguín cun doutorado en Artes e Humanidades, elaborando unha tese sobre a Música Tradicional Galega, enfocada no repertorio vocal das mulleres do lugar de Liñares en Avión, Ourense.

Actualmente, traballo como profesora na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela como profesora de Expresión Musical nos distintos graos que se ofrecen e ademais son intérprete tamén.

Tamén realizou charlas e cursos en diferentes centros educativos.

Ademais de intérprete, eu sempre estiven vinculada á docencia, xa que traballei en escolas de música, en Anpas... e unha das cousas que fixen nesa etapa eran concertos didácticos, un recurso que se traballa moito na música tradicional, que consiste nun obradoiro de situacións vinculadas coa tradición, pero o máis practico posible. Trabállanse ritmos e xéneros co fin de contar cousas, pero tamén se intenta que o alumnado toque con instrumentos de percusión. Como profesora na universidade, tamén traballo coa musica tradicional co alumnado e sempre a utilizo como medio para explicar cousas.

Tamén fixen concertos didácticos co Concello de Vigo estes dous últimos anos, mentres compatibilizaba o traballo na universidade, pero agora mesmo non teño nada axendado porque estou ata arriba; pero desde distintos lugares séguense mantendo ese tipo de actividades.

Por que son interesantes estas iniciativas nos centros educativos?

Nos centros educativos búscase facer colaboracións con entidades que veñan contar o que sexa, como as agrupacións ou persoas relacionadas coa música para que o alumnado vexa a realidade máis alá da escola e entenda a relación co entorno. Está xenial que os entes educativos acudan a axentes alleos, e no caso da música é máis importante porque aínda que haxa material, os cartos son os que son, e un colexio non é un conservatorio. Achegar instrumentos ou agrupacións musicais ao alumnado que na escola non se ve é interesante. Ademais, dependendo da túa contorna, podes ter un vínculo coa música ou non. Por exemplo, a música tradicional está a vivir un momento de expansión por exemplos como Tanxugueiras ou polo himno do Celta composto por C Tangana, pero o estudo da música tradicional sempre estivo vinculado ao ocio, non é unha cousa recoñecida como a música académica e en moitas ocasións hai que acudir a profesionais concretos porque o profesorado non ten coñecementos suficientes e é importante que se achegue para saber de que vai o asunto: que non é unha postal folclórica e o mundo da música tradicional é unha cuestión viva.

Os nenos e nenas teñen inquedanza pola música galega?

Depende moito do lugar, depende d o ámbito, se é rural ou urbano; e tamén das agrupacións que haxa na zona en concreto. Por exemplo, en Sarria hai escolas moi potentes, polo que os nenos xa están vinculados e nas escolas ves que xa están máis abertos a escoitar músicas, pero se non estás aberto, só vas escoitar o que te chega, que é musica procesada e baseada na imaxe e difire da realidade de cando ti colles un instrumento.

Por que é importante levar a música galega por onde vai?

Todas as músicas tradicionais vincúlanse co sentimento de identidade e pertenza a un grupo, e eu teño ese arraigo de galega á terra, de pertenza a unha terra con características concretas, e é importante esta idea de saber onde vimos cara a onde imos e que é o que nos define como sociedade, o contexto no que vivo e o por que das cousas. Unha das cousas que máis me marcaron na miña traxectoria foi o contacto coas informantes, as mulleres que cantan, ese contacto persoal e de entender que a música vai moito máis alá da música; está conectado con como vives, con quen vives, con que te relacionas, como te sentes... O traballo coas mulleres que cantan é algo que a min me move moito, é un sentimento parecido ao que temos cos avós. Na música galega traballas con persoas. É diferente cando ti cantas algo que te ensinou unha señora, a se interpretas unha partitura de Mozart. É algo que me marcou moito e que me fai aprender moito. Ademais, teño en conta a perspectiva de xénero, preocúpame e investigo moito, xa que son elas, na súa maioría, as que cantan; e penso moito na súa maneira de ser. Cando buscas referentes, para min é este tipo de muller galega que che abre a casa, que che dá todo e é unha aprendizaxe vital espectacular.

Presentou o seu novo proxecto durante a Romaxe no Camiño do Ultreia et Suseia deste ano.

O proxecto que presentei leva tempo formándose e cambiando cuestións, foi unha evolución natural ao longo destes anos e agora en novembro sairá o meu próximo disco baixo o proxecto de ‘Carmela’. Consiste en versións de musica vocal de tradición oral centradas coller unha canción, escoitala na fonte primaria e fixarme como canta a señora, enfocándome no sentimento que me produce e entendendo o contexto de por que se cantaba así. É sumar o meu traballo de investigación e de intérprete, dando como resultado pensar un pouco máis nelas e no significado. Tendo o disco, agora estamos preparando un novo directo constituído en formato de trío: eu cantando e dúas compañeiras, Camille Hedouin e Sara Méndez. A verdade é que estou moi contenta por actuar na Romaxe no Camiño porque tocar aquí é tocar na casa e agradécese moito porque sempre estas por fóra e tamén presta estar aquí.

Que proxectos ten de futuro?

Estamos traballando no lanzamento do disco, acabamos de gravar o videoclip e agora intentaremos vender proxectos para a presentación do disco. Eu compaxino este proxecto con outro de música experimental que saquei en marzo baixo o nome de Quintela, que é a casa dos meus pais, e ando xirando con estes espectáculos.

0.17896699905396