Claudio Garrido asegura que nunca houbo intención de pechar o matadoiro e propón á agrupación de carniceiros asumir a súa xestión

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, asegurou que nunca existiu intención de pechar o matadoiro. Segundo explicou, o problema está no custo que supón a xestión do servizo desde o Concello, que ascende a uns 200.000 euros anuais e que considera inasumible para as arcas municipais se se queren garantir outros servizos públicos, como a residencia de maiores Nosa Señora do Carme.
Garrido afirmou que trasladou esta posición en diferentes reunións co sector cárnico e tamén nos plenos municipais. A súa proposta pasa por que o matadoiro siga sendo de titularidade municipal, pero defendeu que o matadoiro comarcal pase a ter unha xestión privada. Para iso, presentou dúas alternativas á agrupación de carniceiros. A primeira sería asinar un convenio, aprobado polo pleno, coas condicións acordadas entre as partes, mediante o que o Concello lles cedería a xestión da instalación e podería colaborar no pagamento da factura eléctrica. A segunda opción consistiría nun alugueiro a custo cero, coa creación dunha sociedade limitada por parte dos profesionais, que establecerían as tarifas do servizo. Neste caso, o Concello tamén podería asumir o custo da luz ou outros gastos derivados.
O alcalde considera que ambas as fórmulas permitirían manter o servizo sen que a súa xestión recaese directamente sobre o Concello. Ademais, defendeu que o modelo privado é o habitual no resto de Galicia e de España, onde, segundo indicou, instalacións que anteriormente eran de titularidade e xestión municipal pasaron a mans privadas. "Sarria é o único matadoiro de xestión pública que queda no país", sostivo.
Sobre o peche do matadoiro desde o pasado mes de maio, Garrido explicou que as instalacións están obsoletas e presentan avarías cuxas reparacións requiren un investimento moi elevado. Segundo indicou, as achegas dispoñibles, de 35.000 euros por parte do PP e de 50.000 euros da Deputación de Lugo, non abondan para que o Concello poida asumir todos os traballos necesarios para recuperar a actividade.
Con respecto á falta de acordo co sector e coa oposición sobre as alternativas formuladas polo goberno local, entende que, no caso dos carniceiros, poidan preferir que o Concello siga asumindo a xestión, porque "é unha opción máis cómoda para eles". Porén, mostrou a súa incomprensión coa postura dos grupos da oposición e asegurou que unha xestión privada permitiría non só recuperar o servizo, senón tamén melloralo.
Garrido acusou a oposición de utilizar o matadoiro como "arma política" ante as eleccións municipais de maio e lamentou que, ao non contar cunha maioría absoluta, o goberno local non poida aprobar a proposta no pleno. "Antepoñer o interese político ao interese dos veciños e veciñas é un mal para todos", afirmou. Ao seu xuízo, o desacordo está a impedir que se dea unha solución a un servizo que permanece parado e prexudica os usuarios da comarca de Sarria.