Carniceiros, gandeiros e oposición intensificarán as protestas para reclamar a reapertura do matadoiro de Sarria

SarriaXa
Nunha reunión, na que participaron representantes do PP, PSOE e BNG, acordaron preparar un calendario de accións reivindicativas para evitar a perda dun servizo que consideran fundamental para o sector primario
matadoiro-Sarria
12 Nov 2026

A loita pola reapertura do matadoiro municipal de Sarria intensificarase nas próximas semanas. Carniceiros, gandeiros e representantes dos grupos políticos da oposición acordaron nunha nova reunión impulsar un calendario de mobilizacións para reclamar ao goberno de Camiña Sarria que recupere un servizo que consideran esencial para a economía local e o sector primario.

O encontro foi un dos máis numerosos desde o inicio do conflito polo peche do matadoiro, decidido unilateralmente polo goberno municipal. Na reunión participaron representantes do PP, PSOE e BNG, xunto con profesionais do sector cárnico e gandeiro, que expresaron o seu malestar pola postura do executivo local e pola súa negativa a realizar xestións para recuperar o servizo.

Os asistentes tamén cuestionaron que o goberno municipal que máis axudas recibiu doutras administracións para manter o funcionamento do matadoiro sexa o que finalmente decidiu pechalo. Aínda que recoñecen a complexidade que supón manter unha instalación destas características, consideran que a súa desaparición suporía un prexuízo para Sarria e para unha actividade económica fundamental no municipio.

Os participantes na reunión criticaron tamén a falta de xestión do Concello durante os últimos meses e a ausencia de vías de diálogo cos afectados ou de colaboración con outras administracións. Ao seu xuízo, a decisión de pechar o matadoiro non conta con argumentos sólidos que a xustifiquen.

Ante esta situación, acordaron articular un calendario de accións reivindicativas para mobilizar a sociedade sarriá e evitar que o municipio perda este servizo. As distintas iniciativas iranse anunciando nas próximas semanas. Os grupos da oposición amosaron o seu apoio e disposición a colaborar na defensa da reapertura do matadoiro municipal.

0.14458608627319