Gandeiros e carniceiros solicitan unha auditoría para coñecer o estado do matadoiro comarcal

SarriaXa
O sector reclama unha segunda valoración técnica mentres continúa a espera dunha solución para reabrir unhas instalacións consideradas fundamentais para a economía da comarca
matadoiro-Sarria
1 Jul 2026

O futuro do matadoiro comarcal de Sarria continúa sen unha solución definida e coa preocupación crecente entre os profesionais vinculados ao sector cárnico.

Carniceiros e gandeiros da comarca solicitaron ao Concello de Sarria a realización dunha auditoría técnica co obxectivo de contar cunha segunda valoración independente sobre o estado real das instalacións e coñecer con detalle o alcance das avarías que manteñen o servizo pechado coa intención de que técnicos especializados poidan acceder ás instalacións para analizar a situación e emitir un informe que determine se realmente non existe posibilidade de reparación, tal e como sostén o goberno municipal, ou se existen alternativas que permitan recuperar a actividade do matadoiro.

Este tipo de avaliacións consisten nun control exhaustivo destinado a comprobar o cumprimento da normativa relacionada coa seguridade alimentaria, o benestar animal, as condicións hixiénicas e a correcta xestión dunha infraestrutura de titularidade municipal.

Polo momento, o Concello de Sarria avanzou unicamente nun compromiso parcial, indicando que está a traballar na elaboración dun orzamento para asumir os custos derivados desa posible auditoría técnica.

O matadoiro permanece así pechado debido a avarías en elementos considerados esenciais para o seu funcionamento, segundo indicou o Concello de Sarria. Por iso, a oposición municipal, integrada por PSOE, PP e BNG, presentou unha moción conxunta en defensa da continuidade do servizo no pleno municipal celebrado o pasado 28 de maio, da man de carniceiros e gandeiros. Nela, defenderon que o matadoiro é unha infraestrutura “fundamental” para a actividade económica da comarca. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, pedía unha aposta decidida por parte do Concello mediante a execución das reparacións necesarias para garantir a reapertura inmediata e asegurar unha xestión municipal eficiente que permitise a continuidade do servizo.

Durante ese debate, os grupos da oposición acusaron ao alcalde e ao equipo de goberno de transmitir “con palabras e feitos” unha intención de pechar unha infraestrutura que consideran estratéxica. Ademais, lembraron que xa se vivira unha situación similar hai máis dun ano e aseguraron que naquela ocasión a reapertura foi posible debido á presión social e política.
Con todo, semanas despois da aprobación da moción, a situación continúa sen cambios visibles.

Por iso, o PSOE denunciou novamente que o matadoiro seguía pechado e sen unha previsión clara sobre a súa reapertura malia o acordo adoptado no pleno municipal.

Desde a formación socialista advertiron ademais da falta de información sobre o proceso e aseguraron que esta situación está a xerar preocupación entre gandeiros, carniceiros e usuarios das instalacións, que reclaman máis claridade sobre o futuro do servizo.

A formación puxo tamén o foco na chegada do período estival, unha época na que Sarria incrementa notablemente a súa actividade económica debido á presenza de visitantes e peregrinos. Neste contexto, consideran que a ausencia dunha solución para o matadoiro representa un problema directo para a economía local e para sectores estratéxicos relacionados co comercio e a hostalaría, especialmente nun momento de maior demanda.

Con todo, sen resposta oficial por parte do Concello de Sarria, oposición, carniceiros e gandeiros continúan esperando un compromiso real que solucione este problema o antes posible.

0.13988304138184