Comeza o San Xoán de Sarria 2026 cunha gran programación de actividades

GaliciaXa | SarriaXa
O pregón do astrofísico Borja Tosar, a pancetada popular, a queimada, o espectáculo de lume e a música de diferentes grupos, como Eoas, marcarán unha xornada inaugural chea de ambiente festivo
Eoas-San-xoán-Sarria
23 Jun 2026

O San Xoán de Sarria 2026 arranca este martes, 23 de xuño, cunha programación ampla que combina tradición, música, gastronomía e espectáculos, nunha xornada pensada para dar inicio ás celebracións patronais da localidade de Sarria.

A tarde comezará entre as 18.30 e as 20.30 horas coa iniciativa “horas sen ruído” na zona das atraccións instaladas con motivo das festas, unha medida pensada para favorecer a inclusión e o desfrute das persoas con sensibilidade auditiva. Xa ás 20.00 horas terá lugar o desfile pola Rúa Maior coa participación das Pampónigas e dos Dimonis de La Plana, que encherán o centro da vila de ambiente festivo e espectáculo.

Ás 21:00 horas celebrarase o pregón na Casa do Concello, a cargo do astrofísico Borja Tosar, quen porá en valor as festas de San Xoán e tamén abordará a relevancia do evento astronómico do ano, a eclipse total de Sol prevista para o 12 de agosto. O acto contará ademais con intérprete de signos para garantir a accesibilidade.

Tras o pregón, terá lugar o lanzamento do foguete que marcará oficialmente o inicio das festas, acompañado das actuacións da Coral Polifónica do Concello de Sarria, da Banda de Música de Sarria e das asociacións culturais Meigas e Trasgos e Peleriños, que encherán a Praza da Constitución de música e tradición.

A programación continuará ás 21.30 horas coha pancetada popular no Campo da Feira, con chourizos e “iscos”, nunha actividade organizada coa colaboración da veciñanza da zona. Xa ás 22.30 horas será a quenda do grupo Eoas de Sarria, seguido ás 23.00 horas da 54ª Queimada Popular, unha das citas máis emblemáticas das festas.

A medianoche, ás 00.00 horas, prenderase a tradicional fogueira de San Xoán no Campo da Feira, acompañada dun espectáculo de lume, música e danza a cargo dos Correfoc – Dimonis de La Plana. Finalmente, a partir das 00.30 horas, a festa continuará cunha verbena a cargo da orquestra Costa Dorada no Campo de Rugby da rúa Castelao.

0.087001085281372