Cova Eirós amplía a súa historia neandertal e Monte Penedo revela enterramentos da Idade do Bronce

As escavacións realizadas este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo, en Triacastela, e nas cavidades do Monte Penedo permitiron ampliar o coñecemento sobre os períodos de ocupación humana destes espazos e confirmar o seu uso como lugares de enterramento. Entre os principais achados da campaña de 2026 destaca a identificación dun novo nivel de ocupación neandertal na Cova de Eirós e o descubrimento na Gruta dos Bloques dos restos dun neno de entre 6 e 8 anos enterrado durante a Idade do Bronce.
Os traballos foron desenvolvidos por investigadores do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili e da Universidade de Oviedo, ao abeiro do convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Na Cova de Eirós, a intervención permitiu recuperar novos materiais arqueolóxicos e paleontolóxicos relacionados coas ocupacións paleolíticas do sector da entrada. Os traballos continuaron no nivel 4, correspondente ao Paleolítico medio, que achega información sobre os grupos neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos.
Este nivel presenta unha elevada cantidade e densidade de restos arqueolóxicos, entre eles lascas, raspadeiras e residuos derivados da fabricación de ferramentas, ademais de restos de animais cazados e consumidos, como cervos, cabalos e bisontes. A abundancia de materiais apunta ao uso da cavidade como campamento durante estadías relativamente prolongadas.
Durante as últimas campañas tamén se está a escavar un fogar cuxo foco está protexido e delimitado por pedras, xunto con concentracións de carbóns e restos queimados. Estes elementos reforzan a interpretación do nivel 4 como un espazo de ocupación de longa duración.
A campaña de 2026 permitiu ademais iniciar a escavación dun novo nivel do Paleolítico medio, o nivel 5, que confirma a existencia de ocupacións neandertais máis antigas na Cova de Eirós. A diferenza do nivel superior, presenta unha menor concentración de artefactos, entre os que destacan ferramentas elaboradas con cuarzos locais.
"O novo nivel podería corresponderse cos restos deixados por estes grupos durante estadías de curta duración desenvolvidas na entrada da Cova de Eirós", explican os investigadores.

Enterramentos da Idade do Bronce
As intervencións nas cavidades do Monte Penedo, situadas xunto á Cova de Eirós, achegaron novos indicios sobre o uso funerario destes espazos durante a Idade do Bronce. Na Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos, principalmente costelas e falanxes, aínda que tamén apareceron restos das extremidades, como un fémur e un húmero.
O estudo antropolóxico, realizado por Marina Lozano no IPHES-CERCA, determinou que os restos pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos. Xunto aos restos humanos localizáronse tamén fragmentos de cerámica decorada que permiten relacionar o enterramento coa Idade do Bronce.
Na entrada da Cova das Cabras identificouse, pola súa banda, unha falanxe do pé pertencente a un individuo adulto, aínda que neste caso non se atopou enxoval asociado.
As datacións radiocarbónicas realizadas sobre os restos humanos de ambos os xacementos sitúan estes enterramentos en momentos avanzados da Idade do Bronce, hai uns 3.300 anos, entre 1600 e 1500 a.C. Os investigadores sinalan como paralelos próximos os enterramentos documentados na Cova de Valdavara, en Becerreá, e na Cova do Santo, en Rubiá.
Os resultados da campaña mostran así que estas cavidades tiveron diferentes funcións ao longo da Prehistoria. "Os achados amosan a importancia das covas para estas comunidades, non só como lugar de hábitat, senón como espazos funerarios", sinalan os investigadores, que consideran que os achados achegan novos datos sobre a diversidade das prácticas funerarias da Idade do Bronce no Noroeste.
Nese período, as comunidades doutros puntos de Galicia recorrían tamén a cistas, pequenos túmulos ou antigos monumentos megalíticos para os seus enterramentos, o que evidencia a variedade de espazos e fórmulas funerarias utilizadas durante a Idade do Bronce.