Dúas propostas de teatro chegan esta semana a Lugo e Sarria da man do circuíto provincial

LugoXa | SarriaXa
"Estremonías da Silva" e "Ciencia Malabar" serán as obras protagonistas das actuacións deste venres e sábado
Catálogo-Teatro-Profesional
25 Sep 2026

O Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo iniciou este mes de setembro unha nova edición que levará programación teatral aos concellos e asociacións da provincia. Nesta edición participan quince compañías, que ofrecerán un total de 24 obras.

A iniciativa, impulsada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, facilita a incorporación de espectáculos de teatro profesional ás programacións culturais municipais e asociativas. A responsábel da área, Iria Castro, destacou que o programa permite achegar "ás persoas de todas as comarcas o acceso a unha programación teatral" e, ao mesmo tempo, apoiar as compañías profesionais da provincia, favorecendo a súa continuidade.

As compañías participantes nesta edición son Trécola Producións, Ítaca Teatro, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mircromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate, Bengala Teatro Físico, Loia Producións, Enésima, ZoeVixión, Tarabela Creativa e Compañía Fraga dos Mouros.

O programa conta cun investimento de 110.000 euros. A Deputación asume o 90 por cento do custo das representacións solicitadas por asociacións e entre o 70 e o 80 por cento das contratadas polos concellos, dependendo da súa poboación.

Esta semana, o Circuíto de Teatro Profesional inclúe dúas actuacións en Sarria e Lugo. A primeira será este venres, 25 de setembro, ás 20.00 horas, con "Estremonías da Silva", de Lîlâ Teatro, na Palleira de Manán de Sarria. O sábado 26, ás 18.00 horas, será a quenda de "Ciencia Malabar", da Compañía Fraga dos Mouros, no Centro Social Mádia Leva de Lugo.

0.15843510627747