Eirexalba reuniu a 25 parellas no Campionato de Tute 2026

SarriaXa
A cita celebrada no Incio combinou competición e convivencia nunha intensa xornada con premios económicos e trofeos para os mellores clasificados
gañadores-campionato-de-tute-Eirexalba-O-Incio-2026
26 Apr 2026

Eirexalba, no municipio do Incio, acolleu o Campionato de Tute 2026, unha cita que reuniu a 25 parellas nun ambiente marcado tanto pola competitividade como pola convivencia entre todas as persoas participantes.

O evento desenvolveuse na pista polideportiva climatizada, o que permitiu garantir a celebración da competición con independencia das condicións meteorolóxicas. O campionato comezou ás 11:00 horas e prolongouse ao longo de toda a xornada.

Durante o día houbo xantar gratuíto para todas as persoas participantes, nun encontro que combinou deporte de mesa e convivencia social.

A parella formada por Carlos de Orixe e Carlos de Samos proclamouse gañadora do torneo. O segundo posto foi para Redondo e Óscar, mentres que Paco e José Luis remataron en terceira posición. Ademais, tamén se entregou un premio de consolación para Pedregal e Manolo Seara.

No apartado de premios, a organización repartiu 80 euros e trofeo para a primeira parella clasificada, 50 euros e trofeo para a segunda e 40 euros e trofeo para a terceira. A primeira parella da consolación recibiu tamén 40 euros e trofeo. Tamén se repartiron lotes de embutidos donados e sortearon unha cea para 4 persoas.

0.11254096031189