Ergueitas organiza unha nova edición do Roteiro Fiz Vergara Vilariño en Louzara

A Asociación Cultural Ergueitas de Sarria celebrará o vindeiro 21 de xuño unha nova edición do Roteiro Fiz Vergara Vilariño, unha iniciativa que terá lugar en Louzara a partir das 11.00 horas e que busca render homenaxe á figura e á obra do poeta sarrián.
O itinerario literario e artístico está concibido como unha experiencia que une natureza, poesía e creación artística, permitindo aos participantes achegarse ao universo vital e literario de Fiz Vergara Vilariño a través dos espazos que marcaron a súa traxectoria persoal e creativa.
A actividade contribúe ademais á posta en valor do territorio de Louzara, revitalizando este percorrido como un espazo de memoria colectiva, reflexión e encontro arredor da literatura galega. Ao longo da ruta, os asistentes poderán descubrir diferentes elementos vinculados á obra do autor e á paisaxe que inspirou boa parte da súa produción poética.
A xornada concluirá cunha comida fraternal na Aira Padrón, no concello de Samos, que servirá como punto de encontro para compartir experiencias e continuar afondando no legado cultural de Fiz Vergara Vilariño.