Ergueitas recollerá nun libro os poemas da ruta artístico-literaria de Fiz Vergara Vilariño

SarriaXa
A publicación, titulada "Na xabreira", verá a luz antes do Nadal e reunirá 14 composicións, ilustracións das esculturas e un plano do percorrido creado en Lóuzara
Ruta-Fiz-Vergara-Samos-acondicionada
25 Nov 2026

A asociación cultural Ergueitas, de Sarria, prepara unha nova publicación dedicada á figura e á obra do poeta Fiz Vergara Vilariño. Baixo o título "Na xabreira", o libro recompilará os poemas e as pezas artísticas que conforman a ruta artístico-literaria creada en Lóuzara, no municipio de Samos, como homenaxe ao escritor. A previsión da entidade é que estea dispoñible antes do Nadal.

O volume incluirá un total de 14 poemas: os 13 que acompañan as diferentes intervencións artísticas distribuídas ao longo do itinerario e unha composición de benvida. O contido completarase con debuxos a tinta de cada unha das esculturas e un plano que permitirá identificar e localizar as distintas obras que forman parte da ruta.

Para facer realidade o proxecto, Ergueitas conta cunha achega de 1.114 euros da Deputación de Lugo, concedida a través da convocatoria de subvencións para entidades destinadas á organización de actividades de interese cultural. A asociación asumirá tamén unha pequena parte do financiamento necesario para editar o libro.

A publicación correrá a cargo de O Bidueiro, unha nova editorial impulsada polo escritor Eduardo Estévez, que coñece tanto a poesía de Fiz Vergara Vilariño como o percorrido artístico de Lóuzara e que xa acompañou integrantes de Ergueitas nunha visita á ruta, segundo explicou María Casar.

Este traballo podería ser o primeiro dunha serie de iniciativas editoriais arredor do legado do poeta. A asociación ten tamén entre os seus proxectos futuros a elaboración dun libro que recolla os máis de 25 anos de historia do Premio de Poesía Fiz Vergara, organizado pola propia entidade en colaboración co Concello de Sarria.

A intención é crear un "libro homenaxe" ás persoas que resultaron gañadoras do certame ao longo da súa traxectoria, un proxecto de maior dimensión que Ergueitas pretende desenvolver máis adiante. Con estas iniciativas, o colectivo busca tamén manter viva a reivindicación de que Fiz Vergara Vilariño sexa recoñecido co Día das Letras Galegas.

0.15852093696594