Friolfe celebra a III Festa da Xuventude cunha ruta cabalar, música e verbena

SarriaXa
A parroquia do Páramo reunirá durante toda a xornada propostas gastronómicas, tardeo, fogos artificiais e música con Eravisto, DJ Goteo, Adolfo Valiño e dúas orquestras
Orquesta-Cinema
20 Sep 2026

A parroquia de Friolfe, no Páramo, celebrará o sábado 24 de outubro a terceira edición da Festa da Xuventude e Ruta Cabalar, unha cita que combinará durante toda a xornada deporte, gastronomía e música e que culminará cunha verbena a cargo das orquestras La Fórmula e Cinema.

A programación arrancará ás 10.30 horas coa saída da ruta cabalar. Os participantes contarán con pinchos a metade do percorrido antes de regresar ao recinto da celebración.

A partir das 14.00 horas comezará a sesión vermú coa Charanga Eravisto, como paso previo á comida prevista para as 15.00 horas. O menú estará composto por empanada, xamón cocido, churrasco mixto, criollo con patacas, sobremesa e café, ademais de bebida.

O prezo da comida será de 30 euros para os adultos e 15 euros para os menores de 13 anos. O prazo de inscrición tanto para a ruta como para o xantar permanecerá aberto ata o 20 de outubro.

Tardeo e verbena ata a madrugada

A música gañará protagonismo desde as 17.00 horas, cando comezará o tardeo coa Charanga Eravisto, DJ Goteo e Adolfo Valiño, prolongando o ambiente festivo durante a tarde.

Ás 21.00 horas haberá unha cea a base de pinchos de empanada e panceta, neste caso coa bebida non incluída. Unha hora e media máis tarde, ás 22.30 horas, arrancará a verbena coas orquestras La Fórmula e Cinema, que serán as encargadas de protagonizar a noite.

A celebración contará tamén cunha gran sesión de fogos artificiais ás 00.30 horas. Para completar a oferta, a organización instalará colchóns e camas elásticas de acceso gratuíto e o campo da festa estará cuberto cunha carpa, polo que a programación poderá desenvolverse independentemente das condicións meteorolóxicas.

A III Festa da Xuventude e Ruta Cabalar de Friolfe contará coa colaboración de diferentes administracións, entre elas o Concello do Páramo, ademais de numerosas empresas e establecementos que apoian a celebración.

0.11730885505676