Hixinio Flores, da asociación Canaveira: “Temos que valorar máis o noso, como a olaría de Samos”

SarriaXa
Falamos con Hixinio Flores, presidente da Asociación Canaveira de Samos, que nace en 2017 para promover o coñecemento da cerámica de Samos
Asociación-Canaveira-Samos-forno-Roxofrei
10 Aug 2024
Por Jessica Fernández

Como xorde a asociación?

A asociación Canaveira de Samos xorde no ano 2017 como unha agrupación de xente interesada na arqueoloxía, arquitectura e patrimonio de Samos e de Galicia por dar a coñecer a olaría e a cerámica de Samos, da provincia de Lugo e de Galicia. Así, xuntámonos eu, como presidente; Lolo, como ceramista do Corgo, que é o vicepresidente; Caldas, que é o tesoureiro, e Xaime Fernández, o secretario; e comezamos a falar con coleccionistas de obxectos de cerámica antiga de Samos para dar a coñecer á xente o oficio da olaría e a construción de pezas de cerámica que forman parte da nosa cultura e do noso patrimonio.

Queriamos poñer en valor a cerámica de Lugo, que foi referente desde a época romana. É máis, os fornos de olaría que hai en Lugo son moi difíciles de atopar noutros lugares e por iso criamos que tiñamos que poñelo en valor.

Por outra banda, o amor por esta parte da historia vén da miña persoa, xa que era algo que me gustaba, a min apaisanábame a cerámica, e non queriamos que as pezas de Lugo marcharan para Barcelona ou ao estranxeiro, polo que decidimos facer algo para que a xente lle dera valor ao que temos. Agora estou moi contento, xa que se ve como a xente vai dándolle importancia ás pezas que antes atopabas tiradas diante das casas. Agora úsanse como decoración, xa que é patrimonio material que forma parte da nosa identidade e que hai que conservalo e mostralo.

Que actividades levan a cabo?

Para dar a coñecer a cerámica que se producía en toda Galicia e principalmente en Lugo, empezamos pola de Samos porque era a menos coñecida e era unha cerámica que debía ser valorada, xa que ten unhas características propias que a definen, como o barro ou a morfoloxía. Hai pezas asombrosas como as que temos na exposición de 'Conciencia dunha tradición' no Vello Cárcere que están datadas e son pezas únicas que forman parte do noso patrimonio material e que debemos conservar.

Ademais, asociado á cerámica son os fornos, que posúen portas abovedadas que non se dan noutro lugar de Lugo e cunhas características propias, polo que tamén nos propuxemos dar a coñecer e conservar os fornos; que non se tiren. Por iso, contactamos con coleccionistas privados, fixemos exposicións, como a que fixemos na capela de Santa María coa cerámica de Samos e de Lugo, logo fixemos outra no Museo Provincial coa cerámica de Samos que logo se levou ata o Museo do Pobo Galego... E agora temos a de olería de Samos, Bonxe, Mondoñedo e Gundivós no Vello Cárcere.

Ademais, publicamos un libro sobre Samos: ‘Samos. Formas tradicionais da cerámica popular’, que fixemos conxuntamente Orlando Viveiro e eu hai catro anos e grazas á Deputación de Lugo, que colabora con nós e financiou o libro. A iniciativa foi nosa, pero está a asociación detrás, se non hai xente non podíamos facelo. Tamén colaboramos nun libro similar de Gundivós tamén.

O obxectivo é dar a coñecer e poñer en valor a cerámica, estase conseguindo?

Eu estou convencido de que a xente está empezando a valorar o que temos. Antes, a xente tiña “cacharros” fóra da casa tirados sen saber que eran ou para que servían, e agora non atopas nada diso. A xente empezou a darlle valor a eses elementos e consérvaos, facendo incluso de elemento decorativo das casas. E isto tiña que pasar con todos os elementos que forman parte da nosa identidade. Temos que valorar máis o noso, porque imos a outros sitios e vemos como hai cousas que están hiper valoradas e nós temos que valorar o que temos, o que somos e sobre todo o que fomos. Moitas veces temos en casa cousas ás que non lle damos valor como a cerámica, a porcelana, etc. e mercamos cousas de fóra que non teñen tanto valor. Pero tamén ten moita responsabilidade a administración, que ten diversos elementos patrimoniais abandonados, como os hórreos ou os muíños, que se caen e non se fai nada. Desde a nosa perspectiva intentamos facer o máximo posible, esa é a finalidade da asociación.

Cales son as perspectivas de futuro?

Se tivéramos tempo e nos axudaran teríamos feito máis libros de Samos e de Bonxe, e faltan os de Mondoñedo e de Gundivós. Logo, tamén queremos conservar a arquitectura asociada á cerámica, como os fornos. Aínda que estean pechados, teñen valor, xa que é unha herdanza dos nosos pais, que se mataron para facelo e forman parte da nosa identidade.

A xente agora empeza a concienciarse ao facer actividades no forno de Samos, que estaba cuberto de silvas e hoxe en día todo o mundo o coñece e está limpo e arranxado. Incluso xente de fóra vén para coñecer e ver a arquitectura. Isto dálle identidade a Samos e é unha forma de promocionar a riqueza de Samos.

As perspectivas de futuro é facer actividades para seguir dando a coñecer o que temos, pero tamén facer comunidade, porque nestes actos xuntamos persoas do pobo que poucas veces falan entre elas e fanse actividades bonitas con pinchos. En Samos hai moita poboación envellecida, entón pasan un bo rato con actuacións e música.

Nós economicamente non dispoñemos de nada, pero toda a xente que queira colaborar e participar das nosas actividades, nós encantados, porque é un ben común. É unha forma de unir ao pobo arredor dun obxectivo común.

E tamén estamos intentando que se coñeza o forno das Tellas do Mosteiro de Samos, pero hai que buscar financiación, dar a coñecer información e logo conservalo, ademais queriamos ver se se podía facer unha ruta onde se vexan os restos dos fornos… E o seu patrimonio natural. É interesante para calquera concello e para a xente do lugar.

0.14894700050354