Hospitaleros sin Fronteras presenta a programación do seu V mercado solidario Malicounda Teranga

SarriaXa
A iniciativa impulsada por Hospitaleros Sin Fronteras recadará fondos para apoiar a escolarización e a atención médica de nenos talibé en Senegal
Malicounda-Teranga-2
22 May 2026

A ONG sarriá Hospitaleros Sin Fronteras organizará o vindeiro 6 de xuño a quinta edición de Malicounda Teranga, un mercado solidario que volverá converter Sarria nun punto de encontro arredor da solidariedade, a cultura e a convivencia.

A cita desenvolverase na Praza da Vila entre as 12:00 e as 22:00 horas cun amplo programa de actividades culturais, musicais e gastronómicas. O principal obxectivo do evento é recadar fondos para continuar co labor solidario que a asociación desenvolve en Senegal, especialmente coa atención a nenos talibé, aos que proporcionan comida diaria, asistencia médica e, nalgúns casos, escolarización.

Desde a entidade explican que a recollida de fondos tamén permite adquirir e enviar material médico e escolar ao país africano. Integrantes da ONG desprázanse dúas veces ao ano a Senegal para colaborar directamente sobre o terreo, onde ademais contan co apoio permanente de colaboradores locais que traballan de maneira continua cos menores beneficiarios do proxecto.

O programa desta quinta edición de Malicounda Teranga inclúe un mercado de artesanía senegalesa, venda de roupa e cousiñas de segunda man, ademais dunha oferta gastronómica con panceta, chourizos e empanada. Ao longo da xornada tamén haberá sesión vermú, pasarrúas pola vila, espectáculos de humor e maxia vinculados á cultura senegalesa, música en directo e ambiente festivo.

As actividades comezarán ás 12:00 horas cun pasarrúas. Ás 13:00 horas celebrarase a sesión vermú amenizada por Esmorga DJs. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar un espectáculo de maxia sobre Senegal a cargo de J. Carrón. A programación musical continuará ás 19:00 horas co concerto de Os Parentes e rematará ás 20:30 horas cunha actuación de versións rock and roll do grupo 7 Rojo.

O evento conta coa colaboración do Concello de Sarria e da Deputación Provincial de Lugo.

0.10278797149658