La Unión de Sarria organiza un zumba solidario para recoller xoguetes destinados á infancia da comarca

A Sociedade Cultural La Unión de Sarria organizará o vindeiro sábado 5 de decembro o zumba solidario "Un xoguete, un sorriso", unha iniciativa coa que busca recoller agasallos para nenos e nenas da comarca de cara ao Nadal.
A actividade comezará ás 18:00 horas nas instalacións da sociedade e consistirá nunha sesión especial de zumba con varios instrutores. A proposta está aberta a persoas de todas as idades, independentemente da súa experiencia ou condición física.
Para participar será necesario doar un xoguete, preferiblemente en bo estado, que posteriormente será entregado a menores da comarca. A iniciativa pretende combinar música e baile cunha acción solidaria para levar ilusión aos nenos e nenas nestas datas.