Láncara abre as inscricións nas Escolas Deportivas Municipais para o curso 2026/2027

SarriaXa
A programación inclúe atletismo, fútbol sala, pádel e bádminton, con propostas para diferentes idades e o inicio das actividades previsto para o 13 de outubro
actividades-biblioteca-colexios-vilalba-nenos1
24 Sep 2026

O Concello de Láncara abriu o prazo de inscrición para participar nas Escolas Deportivas Municipais durante o curso 2026/2027, cunha oferta de actividades extraescolares que inclúe atletismo, fútbol sala, pádel e bádminton para nenos e nenas de diferentes idades.

A programación establece atletismo a partir dos 7 anos, fútbol sala desde os 6 e pádel ou bádminton para participantes a partir dos 8 anos. As actividades deste primeiro bloque comezarán o martes 13 de outubro.

A oferta ampliarase a partir de xaneiro de 2027 con novas propostas destinadas aos máis pequenos. Incorporarase fútbol sala na modalidade biberón e iniciación para nenos e nenas de 4 e 5 anos, así como pádel de iniciación para idades comprendidas entre os 6 e os 7 anos.

Os horarios concretos aínda non están definidos. O Concello publicaraos unha vez remate o prazo de inscrición e se coñeza o número de participantes en cada disciplina. Para constituír os grupos será necesario alcanzar un mínimo de persoas anotadas e, a partir das formacións finalmente creadas, organizaranse os correspondentes horarios.

En canto aos prezos, a tarifa anual, correspondente ao período de outubro a xuño, será de 60 euros, mentres que a denominada tarifa mini, para as actividades que se desenvolverán entre xaneiro e xuño, terá un custo de 40 euros.

As familias interesadas poden formalizar a inscrición presencialmente na Biblioteca Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Láncara. Para ampliar información tamén están dispoñibles os teléfonos 982 543 066 e 630 671 177.

0.13922786712646