Láncara abre o prazo de inscrición para o campamento de verán Diver Mañas 2026

O Concello de Láncara vén de abrir o prazo de inscrición para participar no campamento de verán Diver Mañas 2026, unha iniciativa destinada a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos que se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 28 de agosto.
O programa está financiado a través das axudas a entidades locais do Plan Corresponsables no ámbito local e ten como principal obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de vacacións escolares.
Ao longo do verán, os participantes poderán gozar de numerosas actividades adaptadas ás súas idades, entre as que se inclúen talleres creativos, xogos dirixidos, actividades de tempo libre e xogos de mesa e tradicionais. A iniciativa pretende ofrecer un espazo lúdico e educativo no que os máis pequenos poidan divertirse, compartir experiencias e aprender.
O campamento contará cun horario xeral de 10.00 a 14.00 horas e cun horario ampliado de 08.30 a 14.30 horas para aquelas familias que precisen unha maior flexibilidade. O prezo será de 16 euros semanais para o horario ordinario e de 24 euros por semana no caso do horario ampliado.
As inscricións poderán realizarse entre o 1 e o 12 de xuño, tanto na Biblioteca Municipal como a través da sede electrónica do Concello de Láncara.
Desde o Concello animan ás familias do municipio a participar nesta proposta estival, que combina lecer, aprendizaxe e apoio á conciliación familiar.