Os orzamentos de Láncara ascenderán a 3,3 millóns de euros para 2027, un 13 % máis que o ano anterior

SarriaXa
As contas municipais inclúen investimentos en estradas, abastecemento de auga, alumeado e instalacións deportivas
Concello-de-Láncara-salón-plenos
29 Nov 2026

O Concello de Láncara aprobou no pleno municipal os orzamentos para 2027, que ascenden a 3.299.601,35 euros, unha cifra récord que supón un incremento do 13 % respecto ao exercicio anterior. As contas saíron adiante, mentres que o Partido Popular optou pola abstención para non impedir a súa aprobación, aínda que cuestionou a falta de planificación e de investimentos en diferentes ámbitos que considera prioritarios.

O documento económico contempla actuacións de mellora das vías públicas na capitalidade, A Pobra de San Xiao, así como a renovación de camiños municipais a través do Plan Deputación en Cooperación cos Concellos 2027. Tamén inclúe a adquisición de mobiliario urbano, melloras nos sistemas de filtrado dos depósitos municipais de auga e reparacións e ampliacións do alumeado público en diferentes lugares do municipio.

Entre as intervencións previstas figuran igualmente a rehabilitación de elementos da cultura tradicional, a adecuación de zonas verdes e espazos libres e a mellora dos vestiarios do pavillón da Pobra de San Xiao.

Ademais, os orzamentos recollen un convenio interadministrativo de cooperación coa Deputación de Lugo para mellorar camiños municipais en Pedreira, Láncara, Trasliste, Toirán, Ronfe e Vilambrán. A institución provincial achegará máis de medio millón de euros para estas actuacións.

O PP critica a falta de partidas para servizos básicos e infraestruturas

A representante popular, Olga Capón, explicou a abstención do seu grupo pola vontade de non entorpecer a aprobación das contas, pero lamentou que non exista un plan concreto que permita coñecer as prioridades do goberno municipal.

Entre as principais críticas, sinalou a ausencia de partidas específicas para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que considera básico, e cuestionou como se vai organizar a súa prestación durante o Nadal. Tamén botou en falta medidas para impulsar a rehabilitación ou a construción de vivenda que favorezan o asentamento de poboación no municipio.

A formación popular enumerou outras carencias, como a falta de brigadas municipais e dun plan de roza, así como de investimentos no polígono industrial, na traída de auga ou en infraestruturas deportivas como unha piscina municipal e un campo de fútbol.

O PP tamén cualificou de deficitario o servizo de limpeza e puxo como exemplo a acumulación de plásticos agrícolas, que considera un reflexo das deficiencias na recollida do lixo. Neste sentido, advertiu de que as taxas e impostos municipais non serían suficientes para cubrir o custo do servizo. Ademais, reclamou información sobre o futuro do obradoiro de emprego.

O centro de saúde levará o nome do pediatra José Peña Guitián

Por unanimidade, a corporación aprobou tamén o nomeamento do centro de saúde de Láncara como Centro de Saúde José Peña Guitián, en homenaxe ao médico e pediatra nado no municipio en 1926 e falecido recentemente.

Peña Guitián foi unha figura de referencia internacional no ámbito da pediatría. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela en 1950, doutorouse posteriormente na Universidade Complutense de Madrid e completou a súa formación en Bruxelas, París e Londres.

En 1966 obtivo a cátedra de Pediatría e Puericultura da USC. Ao longo da súa carreira dirixiu a Escola de Puericultura de Galicia, foi xefe de servizo no Hospital Xeral de Galicia e ocupou o decanato da Facultade de Medicina da universidade compostelá entre 1979 e 1981.

Tamén presidiu a Asociación Española de Pediatría, foi máximo responsable da Sociedade de Pediatría de Galicia e converteuse no primeiro presidente da Federación de Asociacións Científico-Médicas Españolas. As súas principais liñas de investigación centráronse no crecemento, o raquitismo, os erros conxénitos do metabolismo e as displasias óseas.

Entre os recoñecementos recibidos destacan a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, a Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Ademais, fora nomeado Fillo Predilecto do Concello de Láncara.

A corporación aproba unha modificación puntual do PXOM

A sesión tamén aprobou unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Trátase dunha cuestión sobre a que o alcalde, Darío Piñeiro, manifestou en declaracións a este medio a súa intención de renovar o documento urbanístico, ao considerar que presenta importantes deficiencias.

"Gustaríame renovar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, porque é un auténtico desastre, de feito a xente está pagando cotas excesivas ao ter moito terreo que pasou de rústico a urbano", sinalara o rexedor.

A representante do PP, Olga Capón, votou a favor desta modificación ao compartir o diagnóstico do alcalde sobre a situación do PXOM e considerar que calquera modificación que contribúa a corrixir as súas deficiencias será positiva.

20.000 euros para as festas parroquiais e axudas ás asociacións

Outro dos asuntos aprobados foi o financiamento destinado ás entidades e asociacións do municipio. A distribución contempla 20.000 euros para as festas parroquiais, 15.000 euros para a Anpa Pícaros do CPI Ramón Piñeiro e 11.000 euros para a Asociación Cultural Val de Láncara.

Pola súa banda, Puebla Futsal recibirá 5.000 euros; a asociación Mulleres Rurais, 4.300 euros; e a Asociación Antonio Gandal, 3.801 euros.

A relación de achegas non contempla, porén, unha partida específica para a Festa da Tenreira de Láncara, unha celebración que se desenvolve entre finais de abril e comezos de maio.

0.1541690826416