Láncara convida os máis pequenos a crear a súa propia historia nun obradoiro de ilustración

A Biblioteca Municipal de Láncara converterase o vindeiro 25 de setembro nun espazo para imaxinar, debuxar e crear historias coa celebración do obradoiro de ilustración 'Debuxando un conto', que estará impartido por Estefanía Padullés.
A proposta, organizada polo Concello de Láncara, está especialmente pensada para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e busca achegar os participantes ao mundo da ilustración dunha maneira práctica e creativa.
Baixo a premisa de que "os contos tamén se debuxan", os asistentes terán a oportunidade de experimentar coa ilustración e empregar o debuxo como ferramenta para construír e dar forma ás súas propias historias.
O obradoiro dará comezo ás 16.00 horas na Biblioteca Municipal. A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario realizar previamente a inscrición.
As familias interesadas en reservar unha praza ou obter máis información poderán facelo a través do teléfono 982 543 066.
Con esta iniciativa, o Concello continúa ampliando as propostas destinadas ao público infantil, neste caso cunha actividade que combina literatura, debuxo e creatividade e que permitirá aos máis pequenos achegarse ao proceso de creación dun conto desde a vertente artística.