Láncara organiza unha charla informativa sobre a prevención do ictus o vindeiro 23 de novembro

SarriaXa
A actividade celebrarase ás 11:00 horas na antiga escola de Láncara e abordará os factores de risco desta enfermidade, así como as medidas que se poden adoptar para reducir as posibilidades de sufrila
antiga-escola-lancara
20 Nov 2026

O Concello de Láncara organiza o vindeiro luns, 23 de novembro, unha charla informativa sobre a prevención do ictus, que terá lugar ás 11:00 horas na antiga escola da localidade. A iniciativa busca concienciar sobre a importancia de identificar os factores de risco e adoptar hábitos que contribúan a evitar esta enfermidade.

O ictus é unha emerxencia médica grave que se produce cando se interrompe ou se reduce repentinamente o fluxo sanguíneo ao cerebro, impedindo que o tecido cerebral reciba o osíxeno e os nutrientes necesarios. Esta situación pode provocar a morte das células cerebrais en poucos minutos.

Entre os factores que aumentan o risco de sufrilo existen algúns que non se poden modificar e outros sobre os que si é posible actuar. Estes poden aparecer de maneira illada ou coincidir nunha mesma persoa, incrementando as posibilidades de padecer un accidente cerebrovascular. De feito, a maioría dos ictus están relacionados con factores de risco modificables.

A prevención continúa sendo unha das principais ferramentas para reducir a incidencia desta enfermidade. Por iso, resulta fundamental identificar os factores de risco individuais e establecer medidas adaptadas ás necesidades de cada persoa.

Neste sentido, a Fundación Ictus propón un decálogo de recomendacións para controlar e previr o risco, baseado na evidencia científica e nos criterios da organización europea Stroke Alliance for Europe (SAFE), da que forma parte.

0.15501999855042